Escoitar

Concello e Deputación promoven o viño da provincia no Atlante Wine Forum 2017

O concelleiro e deputado provincial Santos Héctor participou esta mañá na presentación da terceira edición do Atlante Wine Forum 2017 que se desenvolverá en Vigo o próximo luns 17 de abril. Organizado polo Instituto Galego do Viño, a sede de Afundación acollerá unha xornada de encontro, formación e traballo conxunto dos profesionais do viño que desenvolven a súa actividade no noroeste de España e no norte de Portugal.

martes, 11 abr 2017
1491914211wine.JPG
A terceira edición de Atlante Vigo Forum chega a Vigo de novo como experiencia didáctica e empresarial complementaria á formación impartida no Instituto Galego do Viño. Tal e como destacou Santos Héctor, este foro en tan só dous anos, conseguiu converterse nun dos eventos internacionais vitivinícolas de maior interese do noroeste peninsular.

O luns 17 de abril daranse cita na sede de Afundación viticultores e bodegueiros, sumilleres, empresarios de hostalaría, empresarios de enoturismo, profesionais da distribución ou profesores e alumnos de centros de formación de hostalería, turismo ou viticultura. Trátase dunha xornada de encontro, formación e traballo conxunto dos profesionais do viño que desenvolven a súa actividade no noroeste de España e no norte de Portugal.

Na súa intervención, Héctor destacou o enoturismo como un dos eixos da promoción turística do destino Rías Baixas polo que "é fundamental apoiar eventos como o Atlante Wine Forum, que están a aportar ideas, a renovar, a fomentar a participación activa, a modernizar e a impulsar a mellora do sector vitivinícola que ten tanta importancia na nosa provincia".

Tal e como detallou, en Galicia, hai cinco denominacións de orixe que facturaron 225 millóns de euros e comercializaron 40 millóns de litros nos anos 2015/2016. Do total desa facturación, a denominación de orixe Rías Baixas supón o 56%. E se falamos de exportación, Rías Baixas supón o 81% do viño exportado (6,2 millóns de litros e 32 millóns de facturación, de 7,7 millóns de litros e unha facturación de 39 millóns de euros).

Santos Héctor reiterou a importancia de cooperar con iniciativas que contribúan a facer do vitivinícola un sector máis produtivo, máis moderno e máis eficaz. Esta necesidade vese incrementada, apostilou, se temos en conta que vivimos nun mundo globalizado e complexo no que todo o que signifique innovación, formación e tecnoloxía son indispensables.

Na rolda de prensa tamén estiveron presentes Xoán Cannas e Jorge Vila, director e xerente, respectivamente, do Instituto Galego do Viño.
Descargar todas as imaxes