Escoitar

O Concello achega 223.000 euros anuais aos comedores sociais da cidade

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá dous convenios de colaboración con Vida Digna e con Banco de Alimentos, de 90.000 e 86.000 euros respectivamente. Tal e como explicou o rexedor, as achegas municipais a comedores sociais ascenden a 223.000 euros anuais.

venres, 31 mar 2017
O goberno local deu luz verde a dous convenios de colaboración coa Asociación Vida Digna e con Banco de Alimentos por valor de 90.000 e 86.000 euros, respectivamente. Ademais, dixo o rexedor, o Concello financia a práctica totalidade dos comedores sociais que funcionan na cidade, cun orzamento anual de 223.000 euros. En concreto, o Comedor da Esperanza recibe 23.000 euros, os Misioneiros dos enfermos pobres, 57.000 euros e Afan, 55.000 euros.

O goberno local tamén deu luz verde ás bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades de carácter de carácter social sen ánimo de lucro para a realización de actividades da área social. Trátase dun importe de 50.000 euros e a adxudicación é en réxime de concorrencia competitiva, ata un máximo de 3.000 euros por solicitante. Serán proxectos subvencionables aqueles que teñan por destinatarios familia e infancia; persoas maiores e discapacitados; emigrantes, inmigrantes e minorías étnicas; persoas en risco de exclusión social ou toxicómanos.