Escoitar

"A cidade leva medio século esperando esta proposta de recuperación da Panificadora"

Abel Caballero participou esta mañá na presentación do proxecto que permitirá rehabilitar o entorno da Panificadora e convertela nun espazo de público con usos colectivos. Así o dixo despois de que o xurado e a comisión técnica fixeran pública a proposta gañadora por unanimidade, a presentada polos arquitectos Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín, que foi elixida entre 33 aspirantes.

mércores, 15 mar 2017
1489587322panificadora.jpg
Abel Caballero comezou a súa intervención dándolle as grazas no nome de toda a cidade ao xurado e á comisión técnica que elixiu o proxecto que guiará a rehabilitación da Panificadora porque "tivo que enfrontarse a un reto importante e difícil". Durante a presentación do fallo do concurso arquitectónico, Caballero insistiu en que esta cidade dá un paso de "xigante na recuperación da súa alma histórica, na recuperación dunha peza arquitectónica, probablemente, sen igual entre todas as mostras da arquitectura industrial do século vinte que existen no mundo".

Trasladou aos medios de comunicación "o seu entusiasmo" co proxecto gañador -enfatizando que acadou o apoio unánime do xurado- e destacou a capacidade da proposta de combinar espazos públicos -con usos culturais e sociais-, con actividade público privada. "A cidade, dixo, levaba medio século esperando por recuperación da Panificadora" e hoxe "felizmente" empeza a ser unha realidade. "Xa sabemos cara a onde ir, estamos nun proceso imparable", recalcou, para convertelo nun espazo que albergará, entre outros, espazos de coworking, culturais, de creatividade musical, prazas públicas, un ascensor panorámico visible desde a Praza do Rei, cafeterías ou restaurantes....Desde o punto de vista da conectividade, referiuse á creación dun gran espazo continuo que quedará unida coa zona do antigo Castillo de San Sebastián para chegar a Falperra ou Cachamuíña.

Caballero felicitou aos autores do deseño, os arquitectos Jorge Salgado Cortizas e Celso López Martín, por presentar un proxecto "grandioso" que foi quen de aunar a opinión de tantos profesionais para a recuperación dunha peza arquitectónica que vai ocupar os dous próximos séculos da cidade. Tamén fixo un recoñecemento ao traballo desenvolvido polos técnicos da Xerencia de Urbanismo e pola concelleira María Xosé Caride.

Rematou explicando que o seguinte paso será proceder ao correspondente desenvolvemento do trazado urbanístico que realizará o equipo gañador e, a continuación, procederase xa á expropiación. Na súa opinión, a cidade está de noraboa porque había un certo escepticismo respecto a esta recuperación, recoñeceu, e isto demostra que haberá recursos para que o proxecto saia adiante.
Descargar todas as imaxes