Escoitar

O goberno de Vigo aproba a convocatoria das 657 prazas para ESO do programa "Vigo en Inglés"

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres ás bases e convocatoria para a adxudicación das 657 prazas de "Vigo en Inglés" que oferta este ano o Concello para alumnado de 3º da ESO. Segundo recordou Abel Caballero, o goberno de Vigo dispón no 2017 de 749 vacantes deste programa, que inclúe 92 bolsas para estudantes da Escola de Idiomas.

venres, 10 feb 2017
O goberno de Vigo vén de aprobar as bases e convocatoria para a adxudicación das 657 prazas para alumnado de 3º de ESO do programa municipal "Vigo en Inglés".

Segundo informou Abel Caballero en rolda de prensa, estas vacantes son tanto para estudantes de centros públicos como concertados e as 92 bolsas para alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Vigo completan a oferta viguesa deste programa, que ascende en 2017 a 749 prazas para estudiar linguas no estranxeiro.

Érguete
Da Xunta de Goberno Local, o alcalde subliñou o convenio aprobado con Érguete para o programa de pisos de apoio á incorporación social de drogodependentes na cidade de Vigo para o presente ano.

O goberno de Vigo achega 45.000 euros á asociación para as súas vivendas de apoio residencial, un programa que traballa con drogodependentes en tratamento que teñen acadado unha estabilidade no seu proceso terapéutico.

Outros acordos
Caballero informou tamén da subvención mediante convenio de 10.000 euros -case a metade do seu orzamento- ao Cine Club Lumiere Vigo para levar adiante un ano máis a súa programación de cine en versión orixinal. A entidade, expuxo o rexedor, é a única deste tipo da provincia e a única das tres existentes en Galicia, e programa filmes os luns ás 20:30 horas de xaneiro a xuño e de setembro a decembro.

O goberno de Vigo tamén avanzou na tramitación da renovación do saneamento do Calexón dos Canos, un proxecto que ascende a case 50.000 euros para a mellora do vial e das súas redes soterradas de servizos.