Escoitar

O Concello pide á Xunta que declare urxente a expropiación dos terreos para ampliar o IFEVI

Deste xeito, segundo expuxo o alcalde, o Concello poderá realizar a expropiación das parcelas en canto o goberno autonómico aprobe o proxecto definitivo da ampliación do Recinto Feiral de Vigo. O obxectivo é "aforrar tempo".

mércores, 25 xan 2017
Abel Caballero explicou este mércores que, tras o informe favorable ao proxecto de ampliación do IFEVI, o Concello vén de solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxencia da expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de forma simultánea á aprobación definitiva do mesmo. A finalidade desta demanda é "aforrar tempo".

Coa declaración de urxencia e namentres o goberno autonómico desenvolve o proxecto definitivo das obras, o Concello poderá iniciar a tramitación das expropiacións de modo que, cando estea aprobado o proxecto, se poidan acometer "e como imos solicitar a ocupación directa dos terreos, iremos a uña de cabalo". Así segundo o alcalde, "chegaremos a tempo" para a seguinte cita de CONXEMAR no mes de outubro.