Escoitar

O Concello entrega 3.034 axudas de vivenda, alimentación e enerxía a 1.887 familias

O alcalde informou este martes do desenvolvemento do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias co que se concederon este ano 1.890 subvencións das que quedan tres pendentes de dar, tras sérenlle notificadas ás persoas beneficiarias.

martes, 20 dec 2016
Abel Caballero deu conta da entrega, por parte do Concello, dun total de 3.034 axudas para gastos de aloxamento, subministros e alimentación a 1.887 familias viguesas. Ata o total de 1.890 concedidas quedan tres por outorgar, a falta de localizar aos solicitantes, a quen xa se lles deu notificación por escrito.

Das 3.034 axudas, 749 foron tarxetas para contribuír aos gastos de alimentación das familias cun valor que supera os 300.000 euros; 670 corresponden a cheques para enerxía, fundamentalmente eléctrica e gas e, no caso das subvencións a vivendas, 1.493 foron para alugueres e 122 para pagamentos de hipotecas. O alcalde sinalou que o Concello destina un total de "2,5 millóns de euros" aos programas municipais anuais de axuda ás familias viguesas.

No tocante ás facturas de enerxía, Caballero, como presidente da FEMP, declarou que Vigo está "encabezando" a mobilización para evitar cortes do subministro ás familias se non existe previamente un informe de pobreza por parte dos Concellos porque, dixo, "non queremos que se corte enerxía en ningún fogar por razóns de insuficiencia económica". Así, considerou que o feito de que unha empresa eléctrica corte a luz dunha vivenda é "botar literalmente desa casa á familia porque non se pode vivir sen electricidade e gas". Nesa acción, engadiu, "non hai protección de ninguén; decídeo unha empresa privada".

Luz verde para a obra da Universidade no Berbés
O alcalde tamén deu conta da emisión dun informe favorable por parte do Concello na Comisión de seguimento do PEPRI Casco Vello para outorgar a licenza de obra dun edificio institucional de I+D da Universidade de Vigo, nos números 11, 13 e 15 do Berbés. Desta maneira, xa pode acometer reforma dos tres edificios doados polo Consorcio do Casco Vello de Vigo, quedando pendentes as cuestións arqueolóxicas que son da responsabilidade da Xunta de Galicia.