Escoitar

O Concello aproba exencións a colexios e entidades deportivas por valor de 222.000 euros

O alcalde informou hoxe da sinatura de convenios para eximir a colexios e asociacións deportivas do pagamento da cota correspondente ao uso de instalacións municipais, unha medida coa que quere apoiar o deporte. Tamén se aprobou o convenio con ACOPOVI por valor de 65.000 euros para organizar o festival de habaneiras e polifonía "Cidade de Vigo".

mércores, 7 dec 2016
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar exencións por valor de 222.000 euros para o uso de instalacións deportivas por parte de varias entidades e centros educativos que non terán que aboar o prezo público correspondente, co fin de promover a actividade deportiva na cidade.

Así, segundo explicou Abel Caballero, o IES A Guía queda exento de pagar 3.625 euros; a Agrupación Deportiva Vigo, que desenvolve o programa "Vigo en Xogo", non deberá aboar 104.194 euros; o IES de Teis, 3.482 euros; a Federación Galega de Taekwondo 772 euros. Ademais o Concello exime do pago de 89.000 euros á Federación Galega de Tenis, de 10.000 euros ao Centro de Educación Especial Menela e de 10.331 á Asociación de Pontevedra Fútbol Sala.

Ademais, no ámbito deportivo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á subvención en favor da Federación Galega de Judo para colaborar coa organización da "Festa do Judo Infantil 2016" por un valor de 8.000 euros. Tamén quedou aprobado o convenio de colaboración coa Asociación de Corais Polifónicas de Vigo (ACOPOVI) para a realización do 10º Festival de habaneiras e polifonía "Cidade de Vigo" por un importe de 65.000 euros e a clasificación de ofertas para a subministración de diversos aparatos para o servizo de extinción de incendios de bombeiros por valor de 365.000 euros "para darlle a mellor dotación posible".