Escoitar

O Concello amplía ata o 20 de xaneiro o prazo do concurso de ideas para rehabilitar a Panificadora

Ata o 20 de xaneiro poderán presentarse propostas para o concurso de ideas, dotado con 125.000 euros, tras a decisión aprobada polo Consello da Xerencia de Urbanismo ao coincidir co período de Nadal. Ademais, o goberno municipal aprobou a clasificación de ofertas para humanizacións e asfaltados en parroquias por un importe de 1.992.557 euros.

venres, 18 nov 2016
O alcalde informou este venres da ampliación ata o 20 de xaneiro do prazo para a presentación de propostas no concurso de ideas convocado polo Concello para a recuperación da Panificadora que define como "unha obra espléndida" e que está dotado cun importe de 125.000 euros.

En principio, o período remataba o 26 de decembro pero, ao coincidir coas festas de Nadal, e tras acordalo co Colexio de Arquitectos o Consello da Xerencia de Urbanismo deu luz verde hoxe á ampliación do prazo.

Case dous millóns de euros para humanizacións e asfaltados
A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a a clasificación de ofertas para a contratación das obras de renovación de firmes en vías municipais das diferentes parroquias, cun orzamento total de 1.992.557 euros que se destinarán a humanizacións e asfaltado en Bembrive (Cruz e Xestoso), Lavadores (Barreiro, Brea, Pardavila, Pepe Castro e Roteas Baixo), Cabral (Ameal, Bosque, Cernades, Fontiñas, Patas e Riomao), Candeán (Monte Pequeno e Solombo), Teis (Amieiro, Bailén, Devesa, Paraixal, Poulo e Santa Tegra), Saiáns (Cal do Outeiro), Oia (Currás, Hermida, Pedreira e Verdella), Coruxo (Calzada), Navia (Bravo, Cerqueiro e Pereiras), Alcabre (Millareira), Comesaña (Rial), Valladares (Gándara, Garrida, Nancales, Pomba), Matamá (Balsa), Beade (Brea, Lago e Vaca Morta), Castrelos (Coutadas e Telleira), Sárdoma (Carballo, Finca dona Concha, Louxada, Marco e Pescadeira), Bouzas (Casiano Martínez), Calvario, Martínez Garrido, Coia e Ramón Soler. Ademais, a Xunta de Goberno deulle o visto e prace á clasificación de ofertas para a contratación de obras de humanización da rúa Vía Norte (Fase I), entre Travesía de Vigo e a rúa Escultor Gregorio Hernández cun importe de licitación de 1.349.000 euros.

Tamén quedou aprobada a adxudicación da contratación das obras de instalación do céspede artificial no campo de fútbol Monte da Mina-Castrelos por un importe de 160.000 euros á empresa Mondo Ibérica, amais de dar o visto bo ao nomeamento da dirección facultativa polo que, en palabras do rexedor, a obra pode comezar de forma inmediata.