Escoitar

"Concello e Deputación imos xuntos no establecemento de palancas de competitividade e tecnoloxías nas PEMES"

O alcalde de Vigo participou este xoves na presentación do Centro de Asesoramento SmartPeme de Vigo, impulsado pola Deputación de Pontevedra, nun acto no que tomou parte xunto áa presidenta provincial e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva. Abel Caballero salientou a cooperación existente entre ambas institucións.

xoves, 22 set 2016
1474546889deputacion.JPG
O alcalde de Vigo resaltou esta mañá que SmartPeme é unha demostración máis de que estamos ante "unha nova Deputación, unha nova forma de entender a relación entre institucións para tratar cuestións tan importantes como o apoio ás empresas".

No acto de presentación ao tecido empresarial da cidade, Caballero puxo en valor que "imos xuntos Deputación e Concello en algo tan notable como establecer novas palancas de competitividade e tecnoloxías nas pequenas e medianas empresas" e amosouse satisfeito de que ambas institucións camiñen xuntas neste proxecto, ao igual que o están facendo noutros, "xuntos imos máis rápido en Vigo e tamén no resto da provincia. Isto é modernidade".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na presentación do Centro de Asesoramento SmartPeme de Vigo ao tecido empresarial da cidade e da súa área, resaltou que este é "un proxecto que pon a disposición dos colectivos empresariais unha rede de asesoramento, apoio, formación e información para a posta en marcha de proxectos, pero tamén para a mellora daqueles que xa existen pero que poden ser mellorados a través das TIC".

A través de SmartPeme, a Deputación asesora na actualidade a máis de 2.000 empresas na provincia, e tal e como explicou Carmela Silva, cada día son máis os emprendedores e emprendedoras que se suman ao proxecto e tamén cada vez máis concellos colaboran para que SmartPeme sexa unha ferramenta útil para apoiar ao tecido empresarial de cada zona. Neste sentido, Silva agradeceulle ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o seu apoio para que SmartPeme cree en Vigo unha grande rede de traballo conxunto entre Administracións e tecido empresarial. "A complicidade entre Vigo e Deputación é enorme e isto está propiciando que hoxe podamos estar falando aquí hoxe dun novo gran proxecto para a provincia", manifestou a Presidenta.

Carmela Silva salientou que é obvio que Vigo conte cun centro de asesoramento de SmartPeme, xa que "é a cidade da economía de Galicia, aquí é onde está o maior emprendemento, unha universidade que é capaz de xerar máis innovación, aquí hai un clima de creación de empresas e proxectos que son capaces de competir en todo o mundo, e polo tanto, sería inentendible que este non fose un dos grandes centros de SmartPeme".

Hoxe en Vigo, ademais de presentar as características do proxecto de SmartPeme, tamén se completou a xornada cunha serie de charlas e coloquios para favorecer o networking entre o tecido empresarial da zona. O experto Pablo Galiana impartiu unha charla coloquio sobre transformación dixital das pemes, e tal e como destacou a Presidenta da Deputación, "hoxe podemos escoitar en Vigo un dos grandes referentes no mundo das TIC, que asesora a empresas de todo o mundo, unha persoa cunha grande experiencia neste mundo". Posteriormente, as persoas asistentes tamén puideron participar na presentación de dúas empresas, unha de Pontevedra e outra de Vigo, moi internacionalizadas e que foron capaces de pór en marcha proxectos hoxe xa consolidados.
Descargar todas as imaxes