Escoitar

Concello e Círculo de Empresarios concordan na "conveniencia" de solicitar á Xunta un novo informe ambiental para o PXOM

O alcalde trasladoulle este martes ao presidente e ao vogal do Círculo de Empresarios de Galicia, Juan Güell e Serafín Ocaña, a liña de actuación que seguirá o Concello para cumprir a sentenza do Tribunal Supremo que anula o PXOM, solicitándolle á Xunta un novo informe ambiental estratéxico, unha solución que os empresarios estiman "conveniente" ao contar co aval do mellor xurista de España en materia de urbanismo.

martes, 30 ago 2016
1472560769empresarios.jpg
Abel Caballero recibiu este martes a Juan Güell, presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, e a Serafín Ocaña, vogal da entidade, con que abordou a forma de cumprir a sentenza do Tribunal Supremo que anula o Plan Xeral de Ordenación Municipal do ano 2008 pola insuficiente xustificación do informe estratéxico ambiental realizado pola Xunta de Galicia.

O alcalde explicoulles que o Concello quere seguir a liña de actuación proposta por Luciano Parejo, un dos "grandes expertos en urbanismo", que nun informe sinala que a execución da sentenza debe facerse coa elaboración dun novo informe estratéxico ambiental por parte da Xunta de Galicia. Así, unha vez executado o mandato do Alto Tribunal, o PXOM podería en vigor de forma inmediata "nuns poucos meses; o tempo que se tarde en realizar a xustificación da avaliación ambiental", segundo apuntou o rexedor.

Para Caballero esta debe ser a liña a seguir por ser a máis conveniente para a cidade "a que avala o goberno e debe avalar a Xunta porque tamén lle convén obedecer ao mandato do Supremo" e supón, tal e como afirmou, unha "vía de legalidade exquisita e o cumprimento absoluto da sentenza". Segundo relatou en rolda de prensa, esta é a idea que lle trasladou ao Círculo de Empresarios a quen lle parece "conveniente esta liña e seguir traballando por esta liña, que conta co avala do mellor xurista en materia de urbanismo de España".

Así mesmo, o rexedor fixo fincapé no feito de que foi a "insuficiente xustificación do Plan" o que provocou a súa anulación, xa que non quedaron invalidadas polo Supremo "ningunha das decisións que se tomaron no Pleno municipal" sobre o PXOM, senón que foron "ratificadas por moitas sentenzas". Por iso, sinalou que as indemnización patrimoniais irán á Xunta de Galicia, ao ser a institución que produce o informe inxustificado.
Descargar todas as imaxes