Escoitar

O alcalde reitera o seu ofrecemento para que os bombeiros vigueses axuden na extinción dos lumes

Caballero anunciou que os efectivos dos parques municipais realizarán todas as tardes inspeccións nos montes e vías forestais do Concello en cumprimento do seu labor de prevención ante o perigo que implica este tempo seco e tamén serve de intimidación para os posibles incendiarios que "pretendan provocar un lume".

venres, 12 ago 2016
O rexedor informou este venres da inspección realizada nas últimas horas polos bombeiros nos montes e vías forestais de Vigo como "facemos sempre en época de risco especial de incendios" e comprobaron que a situación é "normal dentro do perigo que significa este tempo seco e con vento".

Así, anunciou que os bombeiros municipais volverán saír hoxe e "todas as tardes" co fin de inspeccionar toda a masa forestal de Vigo e os e as vías dos montes A Guía, Candeán, Alba, O Galiñeiro e Coruxo cun equipo composto por cinco efectivos e unha Bomba Forestal Urbana de 4.500 litros de capacidade que fará percorridos de forma continuada para "ter presenza directa" en caso de necesidade. Segundo o rexedor, esta acción ten tamén o efecto de intimidar aos "incendiarios que pretendan provocar un lume".

Caballero volveu ofrecer os servizos dos bombeiros vigueses "para calquera cuestión que precisen" sinalando que "temos o parque de bombeiros cheo de vehículos e estamos operativos para poder cooperar" nesta vaga de incendios.

O rexedor deu conta da actuación dos bombeiros municipais na rúa os Chans en Bembrive tras recibir un aviso telefónico ás 06:10 horas da madrugada dun "incendio moi pequeno que se extinguiu de forma inmediata" coa intervención de dous vehículos e un retén de 6 efectivos. Ademais, foron requiridos os servizos dos bombeiros vigueses no concello de As Neves, a través dunha chamada do Xefe do Servizo de Incendios da Xunta ás 15:15 horas tras a proposta da presidenta da Deputación que ofreceu os seus equipos provinciais e os do Concello polo que acudiron 4 efectivos cun vehículo de Bomba Forestal Pesada.