Escoitar

A Corporación insta á Zona Franca a priorizar a ampliación do PTL e o Polígono de Balaídos

O Pleno municipal solicitará á Zona Franca que priorice a ampliación das zonas industriais de Vigo a través dunha moción que defendeu o grupo socialista e que contou coa abstención do PP e de Marea.

martes, 26 xul 2016
Os votos dos concelleiros socialistas foron quen de sacar adiante unha moción que insta a Zona Franca a priorizar a ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares e do Polígono de Balaídos. A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu un texto no que solicita ao Consorcio, como promotor, que recurra á Lei 3/2016 para as actuacións ou proxectos nos que están definidos os proxectos concretos e as actucións e obras precisas para a implantación e funcionamento das infraestruturas, incluidos accesos viarios ou redes de conducción deses espazos industriais. Coa abstención de PP e Marea, a moción socialista reclama á Zona Franca solicitar a tramitación de proxecto sectorial con incidencia supramunicipal para as actuacións con menor grado de desenvolvemento.

Outra iniciativa socialista que se aprobou na sesión plenaria desta mañá -neste caso por unanimidade de todos os grupos- foi a de solicitar á Consellería de Sanidade a poñer en marcha con carácter inmediato a Unidade de Psiquiatría infantil no ámbito da área sanitaria de Vigo. Tamén se acordou por todos os grupos solicitar a Fomento e a ADIF a realización das obras necesarias para habilitar un paso peonil na vía do ferrocarril na rúa Coutadas.

Co apoio favorable da Marea, o grupo socialista aprobou unha moción que insta á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a facer un estudo detallado das zonas, centros e necesidades educativas de Vigo e outros acordos complementarios.