Escoitar

O goberno de Vigo leva a obra de 20 artistas aos balcóns do Casco Vello Alto

Como parte do programa municipal de medianeiras, o Concello de Vigo promove "O Barrio Alto. Unha Ollada Ilustrada", na que vinte artistas plasman o seu traballo noutros tantos balcóns das rúas altas da zona vella: San Sebastián, Praza do Abanico, Ferrería e Abeleira Menéndez.

venres, 8 xul 2016
1467981424medianeras.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este venres esta nova iniciativa enmarcada na segunda edición do programa municipal de medianeiras. Esta proposta colga en balcóns do Casco Vello Alto vigués vinte obras de arte creadas por outros tantos artistas.

Financiado este proxecto polo Concello, na organización xogou "un papel central" a Asociación Casco Vello Alto, segundo apuntou Caballero. "Queremos darlle unha dimensión de calidade cultural, de distinción" á parte alta da zona vella, asegurou Abel Caballero. "Seguimos facendo un Vigo diferente e facendo que a cultura, a arte, neste caso a pintura, ocupe unha parte do Casco Vello, aquela que hai moi pouco tempo era unha zona marxinal na cidade e hoxe é unha zona nobre", concluíu o alcalde.

As obras xa están emprazadas nas súas localizacións da rúa San Sebastián, da Praza do Abanico, en Abeleira Menéndez e na rúa Ferrería. En liñas xerais, explicou Caballero ante os medios, os traballos miden 90x180cm, salvo algunhas obras que tiveron que adaptarse ás dimensións dos balcóns.

A arte na rúa, obxectivo fundamental do programa de medianeiras do Concello, corre desta volta a cargo de vinte artistas: Abi Castillo, Aida Alonso, Alba Casanova, Alberto García Ariza, Alfredo López Fernández, Andrés Magán, David Sierra, Héctor Pichel, Iago Araujo Molina, Inés Elorrieta, Iván R., Jorge Perianes, Michel Casado, Miguel Peralta, Miguel Porto, Natalia Umpierrez, Pedro Díaz, Pedro Román, Tayone e Víctor Tizón.

Por outra banda, o alcalde de Vigo informou da aprobación da proposta de adxudicación e do expediente de contratacións dos servizos para a execucións dos murais, cun orzamento de 224.000 euros. Os artistas, seleccionados pola comisión técnica, decorarán catorce espazos da cidade, en Hispanidade, II República, Avda Atlántida, Torrecedeira, San Gregorio, Eduardo Cabello, Fragoso, Florida, o parque de Navia, López Mora, Praza de España, escaleiras entre Torrecedeira e Marqués del Valterra e a nave da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos de San Miguel de Bouzas.
Descargar todas as imaxes