Escoitar

O goberno municipal reforza os buses a Samil e a limpeza na noite de San Xoán

Abel Caballero explicou este mércores que o servizo nocturno do autobús terá frecuencias de 15 minutos no acceso e saída de Samil, coas liñas N1 (no seu percorrido habitual), N2 (que se prolonga ata o areal) e cunha ruta especial. Na limpeza, o Concello habilita un dispositivo de 25 vehículos e 61 traballadores. <br />

mércores, 22 xuñ 2016
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou hoxe mércores dos reforzos dos servizos de autobús urbano e limpeza de cara á celebración da noite de San Xoán.

No tocante ao transporte, o autobús urbano conectará o centro con Samil pola noite con tres liñas: a N1 no seu percorrido habitual, a N2 (que se prologa desde Teixugueiras por Ricardo Mella, Estrada Muíños, rúa Río e Samil) e un servizo especial (García Barbón – Policarpo Sanz – Paseo de Alfonso – Camelias – Avenida de Castelao – Avenida de Europa – Tomás Paredes – Avda Atlántida – Samil)

Así, a partir das 23:15h, os cidadáns terán un bus nocturno cada 15 minutos para chegar a Samil desde Policarpo Sanz e, para retornar ao centro, desde as 22:50h coa mesma frecuencia. Abel Caballero subliñou que entre as cinco e as sete da mañá, hora punta de saída do areal vigués, serán ata dez os vehículos que operen simultaneamente.

O Concello de Vigo e VITRASA tamén amplían as conexións entre Samil e o centro en horario de tarde. Desde as 19 horas, segundo anunciou Caballero, todas as liñas regulares á nomeada praia disporán dun servizo de reforzo. Deste xeito, desde Policarpo Sanz a frecuencia media será dun bus a Samil cada dez minutos, entre as liñas C3, L4C e L15C; desde a Praza de América a frecuencia baixa aos oito minutos (coas liñas C3, L4C, L10 e L15A) e desde Choróns, a cinco minutos de media (liñas C3, L4C, L10, L15A, 15B, 15C e L23).

Limpeza
O alcalde vigués tamén enumerou o dispositivo de limpeza habilitado para retirar os residuos derivados da noite de San Xoán, composto por un total de 61 operarios e 25 vehículos "que van cubrir toda a cidade", ordenándose atendendo á demanda.