Escoitar

O Concello cede tres parcelas ao IGVS para construír vivendas de promoción pública

O Consello da Xerencia de Urbanismo acordou a doazón de dúas parcelas na zona de Cambeses e dunha na Canicouva para erguer vivenda protexida e aprobou a venda de tres parcelas para construír vivendas unifamiliares en Pombas, Carrasqueira e Tomada. O alcalde explicou tamén que o goberno local "fixo todo o que tiña que facer" para poñer a disposición da Xunta o solo para a Cidade da Xustiza para a que "falta o proxecto construtivo".

venres, 29 xan 2016
Abel Caballero informou hoxe dos acordos do Consello da Xerencia de Urbanismo que aprobou o inicio do expediente de cesión de tres parcelas municipais ao Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta de Galicia para a construción de vivendas de promoción pública. Na zona de Cambeses o goberno local doa dúas parcelas situadas na rúa Ramón Nieto de 1.600 metros cadrados aproximadamente cada unha e, na zona de Canicouva, unha parcela de 1500 metros cadrados. Ademais, o Consello da Xerencia deu luz verde ao inicio da venda de tres parcelas para a construción de tres vivendas unifamiliares na zona de Pombas, Carrasqueira e Tomada.

O solo para a cidade xudicial está dispoñible

En referencia á Cidade da Xustiza, o rexedor apuntou que a Xunta de Galicia "ten neste momento a capacidade de iniciar o proxecto de construción porque, transcorridos os 15 días de exposición pública do expediente, procederase á cesión". Con todo, sinalou que aínda "non teñen proxecto de obra. Fixeron un concurso de ideas do que xurdiu un anteproxecto pero falta o proxecto construtivo que require de tempo" así que emprazou á Xunta a que "o vaian facendo" porque dende o Concello xa "fixemos todo o que tiñamos que facer e saben que teñen o solo a disposición". Explicou Caballero que o goberno local xa pagou os terreos expropiados por valor de case "3 millóns de euros e demos 1.500 metros adicionais" para a obra.