Escoitar

O Concello dará continuidade ao programa de arte urbana nunha quincena de medianeiras máis

Segundo explicou este mércores Abel Caballero, o goberno de Vigo vén de aprobar as bases que regulan a segunda edición desta iniciativa, que prevé levar a arte urbana a 15 medianeiras máis da cidade cun orzamento de 220.000 euros. O programa inclúe tamén actividades complementarias, con especial atención á infancia.

mércores, 23 dec 2015
O goberno de Vigo validou as bases do II Programa de Tratamento de Espazos Públicos e Medianeiras, tal e como informou este mércores o alcalde, Abel Caballero. O importe para este segunda edición, abondou, ascende a 220.000 euros, que servirán para actuar en quince medianeiras máis.

Antes, nunha primeira fase, o goberno de Vigo anunciará na web e na prensa a apertura do prazo dun mes para que a cidadanía formule propostas de espazos a tratar, así como os centros educativos interesados en participar. Os artistas que desexen entrar no programa poderán enviar a súa solicitude en calquera momento.

Posteriormente, o Concello seleccionará os artistas e os espazos cunha comisión asesora e tendo en conta a idoneidade da medianeira, o seu emprazamento, o grado de protección e o interese da propiedade. Os colexios que desexen participar serán aceptados, asegurou Caballero, como xa aconteceu na primeira edición deste programa cando os propios alumnos colaboraron no pintado de moitos dos muros dos distintos centros educativos.

O programa inclúe algunhas novidades sobre o inaugural, como a elección dunha zona da cidade na que poidan participar persoas maiores, co obxectivo de que esta sexa unha acción cidadá con presenza activa de novos colectivos cada ano.