Escoitar

O Concello promove con 300.000 euros a contratación en Citroën de 55 desepregados menores de 30 anos

Abel Caballero explicou que a Xunta de Goberno Local celebrada este venres deu luz verde ao convenio coa factoría viguesa para fomentar o emprego entre a mocidade, como parte do Plan de Emprego Xuvenil do Concello. Ademais, o goberno de Vigo acordou introducir cláusulas para que os contratistas do Concello teñan que retribuir aos seus traballadores con alomenos o salario fixado no convenio provincial.

venres, 4 dec 2015
O obxectivo deste programa municipal é dar traballo a aqueles desempregados da cidade que, pola falta de experiencia, poidan ter máis dificultades de acceso ao mercado laboral. Deste xeito, e cun importe de 300.000 euros, o Concello de Vigo convenia coa automobilística francesa a contratación de 55 homes e mulleres desempregados e menores de 30 anos, cun contrato de traballo de alomentos 6 meses de duración. "Ao tempo que apoiamos á factoría facemos que 55 rapaces e rapazas novos teñan o seu emprego en Citroën", concluíu o alcalde.

Melloras na contratación
O goberno de Vigo, na sesión deste venres, acordou introducir nos procesos de contratación municipais unha nova cláusula pola que o adxudicatario non poderá pagar ao seu persoal un salario inferior ao fixado no convenio provincial. Caballero abondou que esta condición especial de execución dunha retribución mínima nos procedementos exténdese a posibles subcontratacións de servizos, pois únicamente estarán permitidas con empresas que respeten estes mínimos salariais.

"En Vigo non queremos salarios low cost, en Vigo queremos salarios decentes", asegurou o alcalde de Vigo, nunha decisión que valorou como "moi importante" e que debería ser "norma" máis aló da cidade. Caballero agarda "que este exemplo nas contratacións do Concello de Vigo se aplique en toda España".

O contratista deberá achegar á súa oferta unha declaración xurada comprometéndose a cumprir a condicións ou non será admitido no proceso de contratación do Concello. A administración local tamén establecerá mecanismos de control para verificar e garantir o cumprimento desta cláusula, entre estas, penalizacións ás empresas.

O alcalde de Vigo salientou que esta medida se encadra nas políticas públicas de carácter social aplicadas no Concello, co obxectivo de que redunden no beneficio dos traballadores e da sociedade ao incidir na mellora das condicións de vida da cidadanía.

Apoio ao Nepal
Abel Caballero tamén informou da decisión adoptada hoxe venres polo goberno de Vigo de achegar 15.000 euros a UNICEF para colaborar cos gastos derivados da atención dos nenos e nenas víctimas do seísmo de Nepal. O de abril deste ano foi o terremoto máis grave sufrido polo país desde 1934 e provocou unha crise que se traduce en 9,5 millóns de persoas (a cuarta parte da poboación nepalí) con necesidade de asistencia humanitaria, 2,8 millóns de desprazados internos e outros 1,4 millóns de habitantes con carencias de alimentación.