Escoitar

O Concello abre este mércores a inscripción para as axudas de vivenda, enerxía e alimentos

Dotado con 2 millóns de euros, Abel Caballero informou que mañá mércores se abre o prazo -ata o 9 de xuño- para optar ao Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias, unha iniciativa do goberno de Vigo para familias con poucos recursos destinada a sufragar gastos de vivenda, subministros e alimentación. O BOP publica este martes as bases e a convocatoria.

martes, 12 mai 2015
1431434374alcalde6.jpg
Segundo informou este martes o alcalde de Vigo, a publicación no BOP deste martes das bases e convocatoria do programa permite ao Concello abrir desde mañá mércores, e ata o 9 de xuño, o prazo de recepción de solicitudes para este programa, que adica 2 millóns de euros a pagos de aluguer/hipoteca, enerxía e alimentos das persoas ou familias viguesas con menos recursos. Os interesados poden presentar a súa documentación no rexistro xeral do Concello de Vigo, en horario de 9 a 13:30 horas.

Como novidades, as bases recollen que as familias unifamiliares e de dous membros teñen acceso ao programa municipal, que "é compatible" coas achegas ao aluguer que concedan outras administracións, segundo puntualizou Caballero. Indicou o rexedor que os requisitos recollidos na convocatoria para optar ao programa esixen estar censado en Vigo desde hai tres anos como mínimo, ademais de que todos os membros da unidade familiar compartan vivenda co solicitante desde o 1 de xaneiro deste ano -de acordo co padrón municipal-, que ningún membro dispoña dunha vivenda que non sexa o domicilio habitual e que as rendas económicas non superen uns topes máximos establecidos en función do número de persoas e unha vez descontados os gastos de vivenda.

Unha comisión técnica será a encargada de valorar todas as solicitudes presentadas e puntualas en función dos baremos establecidos as bases, resultando así a axuda económica concedida para cada solicitude aceptada. Unha vez resolta a convocatoria, e dependendo das circunstancias particulares de cada solicitante, o Concello de Vigo prioriza o abono dos pagos pendentes de aluguer ou hipoteca e as mensualidades posteriores ata decembro de 2015, para satisfacer, en segundo lugar, a cantidade restante da axuda municipal concedida para enerxía e alimentación.

O alcalde de Vigo recordou que, na edición do pasado ano do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias, o Concello concedeu un total de 1003 axudas de vivenda, sobre 800 pagos para enerxía e en torno a 600 máis para alimentación.
Descargar todas as imaxes