Escoitar

O prazo para solicitar as 616 prazas de escolas infantís municipais comeza o 9 de marzo

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ás bases para a adxudicación das 616 prazas en escolas infantís que oferta o Concello nos seis centros que xa están en funcionamento e nas de Mestres Goldar e Navia, pendentes só da autorización da Xunta. Caballero deu conta do mantemento dos prezos, que non aumentan desde o ano 2007.

venres, 27 feb 2015
O prazo de inscripción para as escolas infantís municipais arranca o 9 de marzo e remata o 1 de abril e os formularios están dispoñibles nos propios centros, no servizo de Educación do Concello e na web municipal. A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as normas para a adxudicación de prazas nas escolas infantís municipais, con prezos que non aumentaron desde o ano 2007. Tal e como precisou o rexedor, esta contención das taxas fan que os prezos promedios dunha guardería da Xunta duplique os dun centro municipal, que teñen un custo máximo de 124 euros ao mes. En detalle, as familias con renta de ata 327,83 euros e as familias numerosas de ata 512,91 euros estarán exentas; as familias de entre 327,83 e 391,00 euros pagarán 49,6; entre 391,01 e 461,00, 74,4 euros; entre 461,01 e 534,00, 99,2 euros e as familias con ingresos superiores a 534,01, aboarán 124 euros. O Concello adica este ano 1,4 millóns de euros ás escolas infantís, asegurou o rexedor.

As seis escolas en funcionamento e outras dúas que xa están rematadas e pendentes de autorización da Xunta -Mestres Goldar e Navia- ofertan 616 prazas. Concretamente, Santa Cristina de Lavadores ofrece 76 prazas, mentres que Atalaia-Teis conta con 82. Santa Marta no Casco Vello, Costeira-Saiáns e Tomás Alonso ofertan 72. Casiano Martínez ten 80, as mesmas que Mestres Goldar. E, por último, a de Navia ten capacidade para 82 nenos.

Respecto dos horarios, lembrou que a quenda de mañá vai de 07,30 a 15,45 h e o da tarde, 16,00 a 20,00 horas. Existe ademais no centro de Saiáns un horario continuo para un maior aproveitamento deste equipamento e unha mellor adaptación á demanda das familias. Tamén destaca a posibilidade de solicitar praza para aqueles nenos e nenas aínda non nacidos no periodo de solicitudes que marca a norma autónomica (sempre que se incorporen teñen un mínimo de tres meses).

A Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde a unha subvención de 80.000 euros para a Fundación Laxeiro. O rexedor, en rolda de prensa, comparou esta achega coas aportacións que recibe esta entidade cultural da Xunta e da Deputación, de 15.000 e 12.000 euros, respectivamente.

Humanizacións
O goberno local tamén aprobou o programa de traballo e o plan de control de calidade das obras de Ramón Nieto (fronte ao Mercado de Cabral) por importe de 110.000 euros e praza de Peniche que, cun orzamento de 175.000 euros, vai ter un deseño de Antón Pulido na liña que nos gusta de levar a arte á rúa", explicou o rexedor. Tamén se aprobou o plan de calidade das obras de mellora da rede seperativa de pluviais e renovación dos pavimentos peonís e de rodadura en diversas rúas e camiños. Trátase, ennumerou, do acceso ao pavillón de Coruxo e Camiño Gándara; San Cosme-Zamáns, avenida Atlántida-Alcabre, rúa Entrada á Balsa-Matamá, rúa Bravo-Navia; Camiño Oia e Camiño Rozo-Oia; rúa Eira Vella-Saiáns, Subida á Rola-San Roque; Estrada Marco-Sárdoma e Camiño Pinguela -Valladares.