Escoitar

O Concello de Vigo establece a alerta máxima ante a proximidade da marea negra

martes, 3 dec 2002
imx2076.jpg
Recollida de fuel
O Concello de Vigo está en situación de máxima alerta ante a proximidade da marea negra do Prestige. O alcalde, Lois Castrillo, manifestou unha especial preocupación polas illas Cíes, o punto que segundo os expertos podería ser o primeiro dos afectados no caso de que as manchas de fuel avanzasen cara a ría de Vigo.

Castrillo manifestou que o Concello aínda descoñece cal é o dispositivo que porán en marcha as autoridades competentes para protexer a ría de Vigo da marea negra do Prestige. O alcalde sinalou que si ten noticia das medidas preventivas dispostas pola Autoridade Portuaria dentro do seu ámbito de actuación, pero que bota en falta unha maior información por parte das autoridades da Xunta.

Pola súa banda, o Concello ten preparado un dispositivo de emerxencia para actuar no caso de que o fuel acabara chegando á costa. O alcalde agradeceu a multitude de ofrecementos recibidos nos últimos días para colaborar na loita contra a contaminación. De momento, o Concello non vai utilizar voluntarios. En primeira instancia afrontaríanse os efectos da posible chegada da marea negra con persoal municipal dadas as especiais características do vertido. De todos os xeitos, as persoas que desexen ofrecerse voluntarias poden poñerse en contacto coa Oficina Municipal do Voluntariado, coas asociacións ecoloxistas, a Federación de Veciños ou a Plataforma pola Defensa da Ría, organizacións coas que o Concelo xa estableceu un sistema de cooperación no que caso de que fose necesario.

As concellerías de Medio Ambiente e Participación Cidadá organizaron para o mércores unhas charlas que teñen como finalidade orientar e asesorar sobre os procedementos axeitados para intervir na limpeza e rexeneración das praias contaminadas. As charlas desenvolveranse no auditorio do Concello ás 13:00 e ás 17:00 horas. Vigozoo estableceu tamén un sistema, en coordenación co centro de recuperación da fauna de Cotorredondo, para atender a chegada de aves afectadas polo vertido de fuel. Calquera persoa que atope unha desas aves pode dirixirse a Vigozoo para recibir información sobre a forma correcta de actuar.
Descargar todas as imaxes