Escoitar

O alcalde convida os vigueses a sumarse á manifestación contra o desastre provocado polo ”Prestige”

venres, 29 nov 2002
imx2062.jpg
Limpeza da costa

Comunicado do alcalde, Lois Castrillo, para animar os cidadáns a participar no acto convocado pola plataforma ”Nunca máis” o domingo 1 de decembro ás 12:00 na alameda de Santiago de Compostela.

NUNCA MÁIS OUTRO “PRESTIGE”

Galicia sofre os efectos dunha destructiva marea negra que está causando un profundo desastre ecolóxico e económico. Nestes momentos, o pensamento de solidariedade do povo de Vigo debe estar con aqueles que máis directamente están sentindo as consecuencias da traxedia, sen esquecer que sobre as augas do Atlántico se desprazan moitas toneladas de fuel que poden aínda dirixirse á nosa ría.

En calquera caso, o desastre do Prestige incúmbenos a todos. É por iso que o Concello se dirixiu ao goberno para amosarlle a nosa censura pola xestión realizada ante esta catástrofe e para pedirlle que poña en marcha os medios técnicos necesarios para impedir que a marea negra siga ameazando o noso litoral.

Reclamamos ao Goberno do Estado que actúe con dilixencia á hora de reparar e indemnizar os danos provocados polo Prestige. Compre lembrar que as comarcas máis prexudicadas viven case en exclusiva dos recursos do mar agora estragados. O Goberno non pode agardar máis para establecer controles e inspeccións axeitadas tanto sobre os barcos que recalan nos nosos portos como sobre os que transitan fronte a nosa costa. A nosa petición vai máis alá ao reclamar que se alonxe de Galicia o tráfico marítimo de mercadorías perigosas. Tamén pedimos que se aumenten os medios de seguridade e salvamento marítimo dispoñibles no noso país, para que sexan acordes coas necesidades dunha comunidade cunha intensísima actividade pesqueira e cun transitado corredor marítimo internacional situado a só 21 millas da súa costa.

As autoridades europeas deben tamén tomar nota deste suceso habilitando de forma inmediata axudas para os colectivos afectados e non demorando por máis tempo a implantación de normas e controles estrictos en materia de seguridade marítima.

O vindeiro domingo milleiros de galegos e galegas reuniranse en Compostela convocados pola plataforma “Nunca Máis” para expresar o seu desexo de que non se volvan repetir desastres ecolóxicos que poidan ser evitados. Eu convido a todos os vigueses e viguesas a sumárense a este acto co que se pretende facer patente a dor e a indignación do noso povo polo dano causado ao litoral galego, manifestar a nosa solidariedade cos cidadáns afectados máis directamente e, sobre todo, espertar as conciencias dos responsables para que poñan en marcha as medidas necesarias para que un desastre coma este non se repita xamais.
Descargar todas as imaxes