Escoitar

A xunta de voceiros esixe barreiras de protección que impidan o avance da marea negra cara a ría

mércores, 20 nov 2002
imx2009.jpg
Afundimento do Prestige
A xunta de voceiros mostrou a solidariedade do pobo de Vigo e da corporación cos cidadáns dos concellos da costa galega que padecen as consecuencias da traxedia ocasionada polo petroleiro Prestige. Ademais, esixiu a instalación das barreiras de protección axeitadas que impidan o avance da marea cara o interior da ría de Vigo.

Os representantes municipais instan a aquelas autoridades do Goberno central que teñan unha responsabilidade política e dispoñan dos medios adecuados a poñer en marcha os medios técnicos necesarios para impedir que a marea negra siga avanzando sobre as costas galegas. De achegárense as manchas á ría afectaríanlle irremediablemente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas e á riqueza paisaxística e pesqueira do noso contorno.

Instan tamén ao Goberno central e á Unión Europea a poñer en marcha os mecanismos necesarios para a concesión de axudas económicas a todos os sectores afectados polas consecuencias do vertido contaminante.

O alcalde, Lois Castrillo, agradeceu o apoio e asesoramento técnico que ofreceron asociacións ecoloxistas como Erva ou Adega, veciñais como Eduardo Chao, de confrarías de pescadores, da Universidade de Vigo, do Instituto de Investigacións Pesqueiras e do Instituto Oceanográfico, entre outras.

Dispositivo de alerta en Samil

Debido ao incidente do petroleiro ”Prestige” a Concellería de Montes, Parques e Xardíns ten preparado un dispositivo de alerta a través do seu persoal de mantemento na zona de Samil. Estes operarios manterán unha actitude de vixilancia na zona de Samil por se puideran aparecer restos de vertido do petroleiro na praia.

Advírtese aos cidadáns de Vigo que se ven calquera mancha sospeitosa no litoral vigués poden poñerse en contacto telefónico co servicio de Electromecánicos que está a disposicion de tódolos vigueses e viguesas as 24 horas do día no número 986-214373, a maiores dos teléfonos habituais de contacto (centraliña, Policía local, etc)
Descargar todas as imaxes