Escoitar

Castrillo crea un gabinete de emerxencia para paliar os efectos dunha posible marea negra na ría de Vigo

martes, 19 nov 2002
imx2003.jpg
Lois Castrillo
O alcalde, Lois Castrillo, explicou que o Concello de Vigo constituiu un gabinete de emerxencia para coordinar os medios humanos e materiais dispoñibles para afrontar as posibles consecuencias da chegada á ría do vertido do petroleiro ”Prestige”.

Este equipo de traballo está constituído polo alcalde, os concelleiros de Seguridade, Sanidade e Medio Ambiente, técnicos municipais e asesores expertos en bioloxía e investigacións mariñas. O gabinete está en contacto permanente coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Comandancia de Mariña para preparar accións conxuntas.

O Concello segue agardando que o Goberno central lle facilite información sobre a situación da mancha de gasóleo creada polo petroleiro. Ata o momento, nin a Delegación do Goberno en Galicia nin a Dirección Xeral da Mariña Mercante lle facilitaron á Administración municipal datos sobre a evolución do vertido e sobre a posible existencia de risco inminente se se achegase a mancha á ría de Vigo.

Castrillo dixo que está en contacto co presidente da Autoridade Portuaria, co que comparte a preocupación pola posibilidade de que entre o fuel na ría. Tamén mativo contactos co representante da Cooperativa de Armadores, co subdelegado do Goberno en Galicia, con membros da Universidade de Vigo, do Instituto Oceanográfico e de Investigacións Pesqueiras.

”A entrada da mancha na ría podería supoñer un grave desequilibrio ecolóxico e un prexuízo económico para a cidade”, afirmou Castrillo. Ademais, mandoulle un comunicado aos responsables do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que xa llo trasladaron ao ministro de Medio Ambiente.

Os recursos humanos para facer fronte á marea negra, no caso de que entre na ría, estarían constituídos por máis de 1.000 persoas de distintos departamentos municipais como servicio de limpeza, bombeiros, policía ou do Promil. Ademais, prevese o contacto con asociacións ecoloxistas, oficina municipal do voluntariado, Plataforma en Defensa da Ría e Protección civil se fose necesaria a súa prestación para limpar as praias no caso de que se produza unha marea negra. Estableranse tamén contactos cos alcaldes da ría para coordinar esforzos.

A mancha, neste momentos, está situada ao norte da ría de Vigo e ten unha superficie de 30 por 4 millas con evolución cara a costa.
Descargar todas as imaxes