Escoitar

Iolanda Veloso destaca que os obradoiros "Ciencia divertida" chegan a 750 estudantes de 18 colexios de Vigo

A concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, visitou este xoves o colexio O Pombal, un dos 18 centros escolares de Vigo nos que se están impartindo os obradoiros "Ciencia divertida", no marco da celebración hoxe do Día das Ciencias en Galego. Segundo a concelleira nacionalista, esta iniciativa ten o obxectivo de "difundir a ciencia en galego", pero tamén demostrar que a ciencia "pode ser divertida", mellorando a actitude dos escolares cara a esta materia.

xoves, 4 nov 2010
1288877936Ciencia.JPG
Na visita ao colexio O Pombal, Iolanda Veloso expresou aos nenos e nenas de Primaria o seu desexo de que "aprendan divertíndose, probablemente o mellor xeito de aprender", dixo. "Ciencia divertida", que organiza actividades ata o 12 de novembro, está orientado para complementar a aprendizaxe das ciencias mediante o apoio das clases na escola e co obxectivo de que alumnado desenvolva e contraste das súas propias ideas.

Ademais de "Ciencia divertida", a Concellería de Normalización Lingüística tamén impulsa os obradoiros "Experimentos divertidos", tamén dirixidos a Primaria. Segundo explicou a edil do BNG, inclúe experimentos que se poden realizar na casa e unhas fichas con datos de dous inventores e unha matemática. Outra das actividades programadas con motivo do Día das Ciencias en Galego é "Cine de ciencias", dirixida ao alumnado de Secundaria. Desenvólvese dentro do ciclo de cine "Unha lección de cine", e os días 4 e 5 e o 11 e 12 de novembro está prevista a proxección nos cines Yelmo as películas Pradolongo e O concursante.
Descargar todas as imaxes