Concello de Vigo Vigo org
Xornalxornal.vigo.org
  


Noticias da semana

Suscribirse


 
mércores, 26 de maio de 2010

Imprimir | Enviar | | Compartir:  


Vigo recibe o premio Cocemfe 2010 polo seu labor de mellora da accesibilidade e integración das persoas con discapacidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este mércores que o Concello de Vigo vén de ser designado co premio da Confederación de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (Cocemfe) polo seu traballo a prol da mellora da acecsibilidade e integración das persoas con discapacidade.




Na presentación do galardón, na que tamén participou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, o nacionalista destacou que este premio é un recoñecemento ao labor que nestes tres anos veñen desenvolvendo as áreas coordinadas pola Tenecia de Alcaldía, pero tamén polo resto do goberno da cidade ao concebir a accesibilidade como unha cuestión transversal de todas as áreas.

Santi Domínguez salientou que o premio concedido por Cocemfe, que será recollido o vindeiro 18 de xuño en Madrid, pon en valor os distintos programas postos en marcha "para solventar os problemas cos que se atopan as persoas con discapacidade". Neste sentido, salientou que no marco do Plan Feil 2009, Vigo foi a cidade que máis investiu do Estado na eliminación de barreiras arquitectónicas, ao destinar máis de 2 millóns de euros en facilitar a mobilidade nun total de 29 equipamentos municipais.

O tenente de alcalde defendeu que a potenciación da mobilidade entendeuse como un eixo transversal, ao estar presente nas actuacións que se desenvolveron en dependencias de Deportes, Cultura, Xuventude e Igualdade. "Pero non só nas que se levaron a cabo pola iniciativa do BNG", apuntou, en referencia ás humanizacións e ás obras que dependen das áreas de Urbanismo, Tráfico ou Parques e Xardíns.

"Era escandaloso que no século XXI houbera instalacións deportivas e culturais ás que non se poidera acceder con cadeira de rodas", manifestou Santi Domínguez a respecto das remodelacións acometidas. Asegurou, por outra banda, que este proxecto terá continuidade no 2010 co investimento de 200.000 euros para continuar coa eliminación de barreiras arquitectónicas en dependencias municipais.

O tenente de alcalde destacou que o premio tamén valora o traballo posto en marcha para fomentar a igualdade de oportunidades como a implantación do programa bono taxi. Trátase dun "programa pioneiro en Galiza co que por primeira vez as persoas con discapacidade poden vivir con normalidade o uso do transporte público", segundo dixo o tenente de alcalde.

Outras das iniciativas recoñecidas polo galardón que mencionou Santi Domínguez refírese ao programa Verán de lecer, "que permite aos mozos e mozas con discapacidade acceder ás actividades do tempo libre como o resto dos rapaces e rapazas. Asemade, o premio tamén foi concedido pola implantación dos dispositivos de accesibilidade nas praias viguesas, a campaña de sensibilización impulsada pola Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Benestar Social e a colaboración continuada desenvolvida coas entidades que traballan coas persoas con discapacidade.

"É un premio colectivo a toda a cidade", subliñou o tenente de alcalde. Neste sentido, expresou os seus parabéns a María Méndez e ao seu equipo da Concellería de Benestar Social, así como ás institucións e asociacións que traballan no eido da discapacidade "polo seu labor continuo e sacrificado". Asemade, na súa intervención fixo un chamamento a toda a cidadanía para que siga colaborando a prol da igualdade de oportunidades, con medidas como deixando libres as prazas de estacionamento para persoas con discapacidade.

Santi Domínguez asegurou que a concesión deste premio "nos enche dunha gran responsabilidade para que quede ningún recuncho na nosa cidade no que non se poda mover calquera persoa".

A concelleira de Benestar Social, pola súa banda, destacou que o premio reflexa a "aposta do BNG e as concellerías nacionalistas pola accesibilidade universal e tamén do goberno da cidade". Na liña de concebir este obxectivo como eixo transversal, anunciou que o Concello de Vigo porá en marcha o departamento de accesibilidade, que terá o obxectivo de vixiar a aplicación da lexislación vixente e coordinar as accións que desenvolvan os distintos departamentos.

"Enorgullécenos especialmente o premio na medida en que fomos nomeados sen que nos presentáramos", sinalou María Méndez. Explicou que foi Cocemfe Galiza quen propuxo ao Concello de Vigo como cidade que máis ten feito por mellorar a accesibilidade. "É un estímulo para seguir traballando pola cidadanía e a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade", manifestou.

Na súa novena edición, ademais do Concello de Vigo, Cocemfe concedeu os seus premios á duquesa de Alba, á empresa Carrefour, o Concello de Santander e a cadena de televisión La Sexta.
Mais noticias
Iolanda Veloso reforza o convenio coa asociación Dorna para potenciar os servizos de información ás mulleres


Volver á portada

© Gabinete de Prensa - Concello de Vigo 2003