Escoitar

Santi Domínguez inaugura no Casco Vello a rede Wimax que ofrece acceso a internet en 14 espazos públicos da cidade

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, inaugurou este martes a rede de servizo Wimax, que da servizo fundamentalmente a espazos públicos e centros municipais do Casco Vello, aínda que tamén chega a outros puntos da cidade. O nacionalista salientou que esta rede, implantada a través do Plan E cun orzamento de 750.000 euros, é unha ferramenta máis na revitalización e recuperación do barrio histórico.

martes, 23 feb 2010
1266930686wimax.JPG
"Trátase dun sistema innovador para o Casco Vello que completa as humanizacións, a rehabilitación de edificios ou instalacións de novos servizos, para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías", destacou o tenente de alcalde na presentación, que tivo lugar na oficina de turismo da rúa Teófilo Llorente e na que tamén participou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez. "Queriamos que o Casco Vello fora un lugar pioneiro na aplicación da rede Wimax, e desta forma non só recuperamos o pasado histórico senón tamén avanzamos cara a súa modernización", apuntou.

Santi Domínguez explicou que a Wimax é unha rede de banda ancha, sen fíos e cunha capacidade de 14 megas. Co obxectivo de garantir a cobertura actual e permitir a súa ampliación, a rede conta con catro puntos de emisión, situados no Concello, o Castro, Domaio e o Meixoeiro que da cobertura a toda a cidade.

A rede Wimax ofrece unha ampla gama de posibilidades. Unha delas é a conexión a internet mediante acceso püblico en 14 espazos da cidade. Nesta primeira fase son Praza da Constitución, Porta do Sol, Praza do Berbés, Paseo de Alfonso, Pedra e polideportivo do Berbés, pero tamén se pode empregar noutras zonas da cidade, como nas piscinas de Lavadores, Teis e Valadares, os polideportivos de Bouzas, Coia e Lavadores e os complexos deportivos de As Travesas e Samil. A conexión a internet establécese mediante unha conta de correo electrónico que dá acceso a un portal de benvida que ofrece información sobre a cidade.

A rede Wimax poderase empregar tamén para uso interno en dependencias municipais do Casco Vello como a Casa Galega da Cultura, UBAS, o servizo de asesoramento a emprendedores, o pavillón do Berbés, o Centro de Artesanía, o servizo de xestión catastral e a oficina de Turismo de A Pedra. Fóra do Casco Vello, asemade poderase utilizar nas piscinas de Teis, Lavadores e Valadares, nos polideportivos de Bouzas e Coia, no complexo deportivo de Samil, en Vigozoo, no edificio municipal do Areal, no parque de bombeiros e no parque central municipal e nos museos de Castrelos e Verbum. O tenente de alcalde indicou que mediante fibra óptica, a rede permitar establecer tamén a conexión na Casa de Xuventude, nas UBAS de Coia e Rivera Atienza, no polideportivo de Lavadores, no centro de emprego de Lavadores, no ximnasio do Carme e na piscina e o complexo deportivo de As Travesas.

Destacou asemade que distintas instalacións municipais contarán con pantallas multimedia, como a oficina de Turismo de A Pedra, as piscinas de Teis, Lavadores e Valadares, os polideportivos do Berbés e Lavadores, o ximnasio do Carme e o complexo polideportivo de As Travesas. "Estas pantallas permitirán que os cidadáns e cidadás que se acheguen a diferentes dependencias municipais teñan información sobre os distintos eventos que se celebren na cidade ou sobre calquera información de interese", dixo.

"O acceso libre ás novas tecnoloxías era un dos compromisos expresados polo BNG no seu programa electoral; e hoxe este compromiso estase a cumprir", afirmou Santi Domínguez. O tenente de alcalde asegurou que Vigo xa está preparada para ter rede inalámbrica en toda a cidade, pero advertíu que hai que ir "paso a paso" para achegar o servizo a outros puntos de Vigo.
Descargar todas as imaxes