Escoitar

O programa de animación nas rúas "Emprázate" comeza en Príncipe

O programa de animación nas rúas "Emprázate", organizado pola Concellería de Xuventude e dirixido a todos os públicos, comeza sábado pola tarde na rúa do Príncipe con obradoiros e un cabaret circense.

venres, 20 abr 2007
1177077417emprazate.jpg
Das 17.00 ás 19.00 horas os asistentes poderán participar en obradoiros de mazas, diábolo, cariocas e swing e creación e manexo de bólas. A oferta de "Emprázate" para mañá sábado continuará na rúa do Príncipe de 19.30 a 20.30 horas cun cabaret circense.

"Emprázate" contará con diferentes actividades que pretenden, ademais de divertir e dinamizar as nosas prazas e rúas, achegar os cidadáns a novas alternativas de ocio como a arte do novo circo, a través de espectáculos aos que normalmente non se ten acceso, e fomentar a participación interxeneracional nos espazos públicos da cidade.

As actividades previstas dentro do programa "Emprázate" son:

-Pasarrúas por diferentes espazos da cidade, que contarán coa presenza de zancudos, pallasos, monociclistas e demais personaxes do mundo do circo que convidarán aos espectadores e transeúntes a participar nun mundo de diversión e fantasía.

-Cabarets circenses: espectáculos curtos de variedades nos que se amosarán as habilidades dalgúns artistas en diferentes especialidades.

-Obradoiros de iniciación e perfeccionamento de varias modalidades de arte circense: monociclo, zancos, diábolo, mazas, maxia, clown etc.

-Xogos interxeneracionais de cidade, onde mozos e mozas, nenos e nenas, pais e nais, avós e avoas etc. poderán compartir un espazo realizando unha actividade na que todos e todas se divirtan e desenvolvan a súa imaxinación e creatividade.

Para o desenvolvemento deste proxecto, a Concellería de Xuventude conta coa colaboración da Asociación de Malabares e Artes Circenses Malandraxe, entidade formada por un número importante de mozos e mozas da cidade relacionados co mundo do espectáculo, sobre todo no ámbito dos malabares, o circo, a maxia, animación de rúas etc.

Para máis información: Casa da Xuventude (López Mora, 31), tfno. 986 294 806 e www.xuventudevigo.org.
Descargar todas as imaxes

Máis información