Escoitar

Festas destinará 95.000 euros a subvencionar programas e actividades en 2006

A Concellaría de Festas destinará 95.000 euros a subvencións a programas e actividades socioculturais realizadas por entidades ou particulares que complementen a súa propia programación e os seus servizos durante 2006, segundo as bases da convocatoria aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 14 de agosto.

mércores, 6 set 2006
1157545965sanxoanboa.jpeg
O San Xoán é unha das celebracións tradicionais en Vigo
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ata o próximo 21 de setembro e o prazo para a execución das actividades subvencionables finalizará o 31 de decembro. As actividades, correspondentes a un máximo de tres proxectos por solicitante, terán carácter público e realizaranse en Vigo.

Un dos fins desta convocatoria é o de favorecer o desenvolvemento de programas e actividades que contribúan á recuperación ou potenciación das tradicións locais no ámbito cultural e festivo. Así mesmo, a Concellaría de Festas quere estimular a participación da cidadanía e dos diversos axentes sociaculturais locais.

Os programas e actividades subvencionables deberán encadrarse dentro das seguintes tipoloxías: programas socioculturais xerais, programas socioculturais específicos (música, teatro, danza e artes plásticas) ou festas populares e tradicionais.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións as asociacións, comisións de festas e outras entidades asociativas sen ánimo de lucro, que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións a data de presentación da solicitude, que teñan a súa sede social ou delegación en Vigo e que teñan capacidade para levar a cabo as actividades subvencionables. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas con domicilio no termo municipal empadroadas no Concello, que teñan capacidade para realizar as actividades subvencionables.

As solicitudes valoraranse de acordo coa calidade e interese dos proxectos, as súas formas de financiamento e a antigüidade e posibilidades de continuidade dos programas ou actividades en anos sucesivos.
Descargar todas as imaxes