Escoitar

O Concello outorga unha subvención de 765.000 euros á Fundación MARCO

A Xunta de Goberno Local decidiu hoxe martes outorgar á Fundación MARCO unha subvención de 765.000 euros, como cota do Concello para cubrir os gastos correntes orixinados polo funcionamento e actividades do museo durante 2006.

martes, 2 mai 2006
1146573807xunta020506.jpg
Segundo afirmou o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, con esta achega o Concello garante a continuidade no MARCO de actividades como as dirixidas aos nenos ou as de formación do público.

López-Chaves explicou que estas actividades se viran ameazadas polo recorte da subvención que o MARCO recibe anualmente da Xunta de Galicia, que baixou en 2006 ata 200.000 euros, fronte aos 300.000 de anos anteriores.

Nas previsións do propio museo, xunto ás subvencións para 2006 do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia, figuran achegas de Caixanova (300.000 euros), a Deputación de Pontevedra (150.250) e o Ministerio de Cultura (150.000).

Xuventude

Por outra parte, na área de Xuventude, a Xunta de Goberno deu o seu visto bo á colaboración coa Asociación Veciñal "Doutor Fleming" para o desenvolvemento de actividades de dinamización xuvenil durante 2006, entre as que se inclúe o programa Noites Vivas. O Concello contribuirá á realización deste convenio cunha achega duns 13.000 euros. Na mesma liña de actuación, e tamén para o presente ano, o Concello outorgaralle uns 7.000 euros á Asociación Veciñal Camiño Vello de Coia.
Descargar todas as imaxes