Escoitar

Patrimonio Histórico e Medio Ambiente promoven a recuperación de patrimonio oral en Beade, Zamáns, Saiáns e Valadares

Os concelleiros Carmen Corbalán e Amador Fernández asinaron un convenio cos representantes da Federación de asociacións de veciños "Eduardo Chao" para a realización de actividades de compilación de toponimia e patrimonio oral. O orzamento previsto é de 8.045 euros.

venres, 23 mai 2003
1053691395toponimia.jpg
Seixo, Fernández, Corbalán e Couñago
Xosé Couñago, representante da Federación "Eduardo Chao", afirmou que esta iniciativa é froito da inquedanza por recuperar o patrimonio mediante un estudio do medio natural e a súa relación co ser humano mediante o traballo que nel realiza. "Coa recuperación da microtoponia conseguiranse nomes de leiras e viais incluso anteriores á romanización que perduraron no tempo e que queremos trasladar aos portais de edificios e rúas de novas urbanizacións para favorecer un crecemento da cidade harmónico co medio", afirmou.

Preténdese mediante este convenio o achegamento ao medio natural e ao patrimonio oral que se acadará con actividades de campo e contacto con informantes de diversos lugares. Recompilarase e analizarase o patrimonio oral inmaterial da toponimia e o patrimonio material das parroquias viguesas de Beade, Zamáns, Saiáns e Valadares.

O Concello proporcionaralle á Federación de asociacións veciñais "Eduardo Chao" o inventario da microtoponimia viguesa, facilitará os labores de investigación e comprometerase á publicación dos traballos de investigación.

"Eduardo Chao" catalogará o patrimonio oral recollido e elaborará un estudio detallado no que se recollerá a toponimia, microtoponimia e o patrimonio oral; así como características da fala dos lugares e datos sociolingüísticos.
Descargar todas as imaxes