Escoitar

O goberno local inicia en Coia e Navia unha experiencia piloto con contedores de tapa marrón

O alcalde de Vigo presentou este luns os novos contedores para residuos orgánicos que se instalarán nos barrios de Coia e Navia como experiencia piloto. A gran novidade é que será necesario utilizar bolsas 100% reciclables e os contedores abrirán coa tarxeta PassVigo.

luns, 13 xan 2020
1578922688130120Contedor_03.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este luns na Porta do Sol os novos contedores de tapas marróns para residuos orgánicos que se instalarán nos barrios de Coia e Navia como experiencia piloto. "O uso do novo contedor marrón é voluntario e por iso utilízase a PassVigo, en pouco tempo nos obrigará a Unión Europea e nós xa nos adiantamos", asegurou durante o acto.

Segundo explicou o rexedor, estes contedores teñen por obxecto o depósito daqueles restos que se producen na preparación das comidas, crúas ou cociñadas e calquera sobras das mesmas como: cáscaras de ovo, peladuras de patacas e froitas, borras do café, restos de infusións, etc. Tamén admiten tapóns de cortiza ou pequenos restos vexetais.

O obxectivo é dar unha segunda vida a ese tipo de residuos, obtendo un abono natural de calidade que se poida utilizar tanto para a agricultura como para a xardinería. Non poderán usarse, polo tanto, para depositar desperdicios como os restos de varrer, cinza ou cabichas, cueiros, compresas ou outros produtos hixiénicos, excrementos dos animais de compañía como cans ou gatos. Todos estes residuos deberán depositalos no colector de lixo de sempre (fracción resto).

Unha das principais novidades deste contedor, do que se instalarán como experiencia piloto en Navia e Castelao 69 unidades, é que para poder abrilos haberá que empregar a Tarxeta PassVigo e para depositar os residuos, é moi importante facelo en bolsas biodegradables.

Estes contedores súmanse aos xa existentes na cidade, para a recollida diferenciada de papel e cartón (azul), envases de vidro (verde), envases de plástico, bricks e latas (amarelo), pilas fora de uso, aceite usado doméstico, roupa, calzado e complementos.

Vigo, cidade máis limpa
Nos últimos anos, Vigo converteuse na cidade galega con máis galardóns pola limpeza das súas rúas (6 Vasoiras de Platino consecutivas: 2008, 2010, 2012, 2014, 2016 e 2018) e aparece en todos os rankings das cidades máis limpas de España. Vigo é a cidade que máis e mellor recicla en toda Galicia.
Descargar todas as imaxes