Escoitar

O Concello inicia a próxima semana os traballos para humanizar Ronda de don Bosco

O alcalde deu conta este venres do comezo dos labores previos mentres os propios da humanización, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, principian na semana do 20 de xaneiro coa previsión de finalizalos nun prazo de 10 meses.

venres, 10 xan 2020
Abel Caballero informou do inicio a próxima semana dos traballos previos das obras de humanización da rúa Ronda de don Bosco que inclúen a revisión dos servizos básicos para evitar problemas de subministro durante as actuacións, a topografía, a implantación de vallas ou das caseta de obras. Deste xeito, na semana do 20 de xaneiro poderán comezan os labores propios da humanización que teñen unha previsión de execución de 10 meses.

Tal e como apuntou o alcalde, a obra adxudicouse por 1,5 millóns de euros e forma parte da cooperación do Concello e a Deputación de Pontevedra, que achega 900.000 euros, mentres o goberno municipal destina 617.000 euros.

O proxecto de humanización de Ronda de don Bosco ten como núcleo central a transformación do xardín situado fronte á igrexa de María Auxiliadora para converter a zona en semipeonil, polo que a prioridade de circulación será para os peóns e quedará limitada a velocidade do tráfico rodado a 20 quilómetros por hora. A actuación abrangue desde o Mercado do Progreso ata a rúa Velázquez Moreno e entre a rúa Eduardo Iglesias e o Paseo de Granada.

O rexedor explicou que, ao mesmo tempo, levarase adiante a humanización da rúa María Auxiliadora, perpendicular á Ronda, que quedará peonalizada cunha velocidade máxima de circulación de automóbiles de 10 quilómetros por hora "con hexemonía absoluta dos peóns", recalcou, engadindo que dende o goberno municipal "estamos encantados coa humanización e a cooperación da Deputación".