Escoitar

48.000 propietarios poderán edificar en Vigo coa entrada en vigor da ordenación provisional

Abel Caballero deu conta da inminente entrada en vigor da ordenación provisional que permitirá edificar en 23 millóns de m2 e beneficiará a 48.000 propietarios. Neste punto, o alcalde animou a todos os titulares catastrais a que comecen a enviar xa os seus proxectos á Xerencia de Urbanismo para axilizar a posterior tramitación de licenzas.

martes, 27 ago 2019
O Boleltín Oficial da Provincia publicará nun prazo aproximado dun mes a ordenación provisional que permitirá que quince días máis tarde entre en vigor un instrumento urbanístico que facilitará que 48.000 titulares catastrais de parcelas poidan edificar. A tramitación vai a toda velocidade, unha vez que o Concello enviou onte mesmo -o propio día no que se publicou a ordenación no DOG – a documentación anexa que se ten que remitir ao Rexistro de Planeamento da Xunta. Esta administración dispón de dez días para realizar as correspondentes comprobacións e, a partir de aí, chegará a devandita publicación no BOP. En todo caso, tal e como avanzou o alcalde esta mañá, os propietarios poden ir presentando os seus proxectos na Xerencia de Urbanismo para ir adiantando os prazos.

Abel Caballero explicou que a entrada en vigor deste instrumento urbanístico afecta a 23 millóns de m2 de solo, aproximadamente o 24% do termo municipal. Se a estas cifras sumamos o Casco Vello, Bouzas ou o Ensanche, diríamos que se pode solicitar licenza de edificación no 38% do termo municipal de Vigo. Trátase dun paso de "xigante" xa que o Concello está reactivando o urbanismo de toda a cidade actuando tamén en ámbitos como Esturáns, Tomás Paredes, Balaídos, Cordelerías Mar ou Barrio do Cura.