Escoitar

O alcalde reclamou á Xunta de Galicia o proxecto inicial para o centro de saúde de Bouzas

O proxecto presentado pola Xunta de Galicia para conseguir a licencia municipal é practicamente a metade do inicialmente previsto, tanto en superficie e investimento como en número de consultas, segundo censurou Abel Caballero este mércores.

mércores, 7 ago 2019
1565184184bouzas.JPG
Nun acto en Bouzas, na Casa do Patín, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicaron a veciños da vila as características principais do proxecto previsto e comprometido pola Xunta para o centro de saúde de Bouzas e do que veñen de presentar ao Concello para a concesión de licencia, reducido a practicamente a metade.

O alcalde criticou o atraso da Xunta de Galicia en acometer o centro de saúde da vila, pois o Concello comprou o solo ao efecto por 800.000 euros, cedeuno no ano 2008 e as obras, once anos despois, non comezaron. A única novidade desde entón é a presentación dun proxecto inferior ao comprometido inicialmente.

Así, na súa exposición inicial, María Xosé Caride comparou o proxecto inicial comprometido co presentado hai uns meses para a concesión da licencia municipal. O centro de saúde reduce a súa superficie de case que 1.300 m2 a pouco máis de 600 m2, cun orzamento rebaixado de 2,2 a 1,3 millóns de euros. Ademais, a previsión de seis consultas de medicina xeral e unha de pediatría queda limitado a tres de medicina xeral e ningunha de pediatría.

O alcalde esixiu á Xunta de Galicia o centro de saúde comprometido inicialmente para Bouzas, logo de once anos co solo no seu poder, e non a versión reducida que presentou ao Concello para obter licencia.
Descargar todas as imaxes