Escoitar

O goberno local inicia o programa "Vigo no tempo" con escolares da cidade

O alcalde recibiu hoxe na Praza do Rei ao primeiro colexio partícipe do programa "Vigo no tempo". O alumnado do CEIP Mosteiro Bembrive asistiu á visita guiada polo Casco Vello dirixida polo personaxe do soldado francés Pierre Delapierre, perdido polas rúas de Vigo dende a histórica data de 1809.

xoves, 14 mar 2019
1552570018reconquista.JPG
"Vigo no tempo" enmárcase dentro das actividades programadas para a Reconquista de Vigo 2019 e achegará a historia e a festa a máis de 500 escolares de 5º e 6º de Educación Primaria de centros educativos de Vigo.

Cada xornada, os escolares comezarán na praza do Rei para emprender unha visita guiada polo Casco Vello e o castelo de San Sebastián, visitando os escenarios da Reconquista de 1809. Os alumnos recibirán un mapa-unidade didáctica co que poderán imaxinar unha viaxe ao pasado. Ademais, no Casco Vello serán recibidos polo soldado francés Pierre Delapierre, un actor que interpreta a un garda imperial que quedou perdido polas rúas viguesas dende os tempos de Cachamuiña. Tras percorrer o barrio e os seus lugares máis emblemáticos, na Casa Galega da Cultura verán un audiovisual sobre a Reconquista, unha exposición didáctica e terán unha charla participativa na que poderán expresar as súas dúbidas sobre a historia e a festa viguesa. Ao remate da actividade, os escolares recibirán un diploma acreditativo e farán unha foto de familia xunto a Delapierre.
Descargar todas as imaxes