Escoitar

O goberno local inicia a última fase da humanización de Venezuela, onde inviste 5 millóns

A remodelación do tramo entre Marqués de Alcedo e Taboada Leal xa está en obras, cun orzamento de 657.000 euros, explicou Abel Caballero. Contando co novo parque infantil, o goberno vigués adica cinco millóns de euros á remodelación de toda Venezuela. O alcalde subliñou a igual atención no centro e no rural, e citou como exemplo os 3,5 millóns da humanización da Estrada do Porto.

venres, 15 feb 2019
O goberno de Vigo avanza na humanización da rúa Venezuela, onde está a investir cinco millóns de euros entre a remodelación completa do vial e o novo parque infantil.

Así, o alcalde recordou que xa está en obras a última fase da humanización, a que comprende entre as rúas Marqués de Alcedo e Taboada Leal. Neste tramo, o máis próximo á casa consistorial, o Concello estima catro meses de obras e reserva un orzamento de 657.000 euros.

"Ao lado disto", engadiu o alcalde en rolda de prensa, "lles recordo que estamos a humanizar a Estrada do Porto, no rural, cun orzamento de 3,5 millóns de euros, polo tanto as diferencias no rural e no centro son inexistentes: adicamos diñeiro e humanizacións en todo Vigo".

Xunta de Goberno Local
Abel Caballero informou da aprobación por parte do goberno que dirixe da clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- do servizo de teleasistencia domiciliaria, un contrato por tres anos ao que o goberno de Vigo destina 280.000 euros.

O alcalde recordou que, coa teleasistencia, o Concello ofrece apoio nos seus domicilios a persoas que o precisan, as 24 horas do día e os 365 días ao ano. De media, 550 usuarios reciben este servizo municipal, dos que 448 son maiores de 80 anos e 501, mulleres.

Por outra banda, o goberno de Vigo adxudicou o subministro de combustibles para a flota de vehículos e maquinaria municipal, do parque móbil do Concello, por un importe que ascende a 825.000 euros.