Escoitar

Castrillo afirma que co novo conservatorio se inviste nun futuro de progreso para Vigo

O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, acompañou o presidente da Xunta na inauguración do novo conservatorio de grao elemental e medio de Vigo, unha dotación que, segundo salientou o rexedor municipal, permitirá que os vigueses poidan cursar todos os estudios musicais na cidade, dende o grao elemental ata o máis especializado. O alcalde afirmou que investindo en ensino e cultura se está apostando por un futuro de progreso para Vigo.

martes, 22 abr 2003
1051014718CC2.jpg
Descubrimento da placa
Castrillo dixo que o novo conservatorio vai prestar un servicio fundamental nunha cidade cunha consolidada tradición musical que se manifesta na existencia de numerosas bandas e agrupacións de todo tipo. O alcalde explicou que para chegar a este momento foi necesaria a confluencia de moitas vontades e salientou especialmente o empeño da Asociacion de Nais e pais de Alumnos do Conservatorio e do seu profesorado, que traballaron da man do Concello para conseguir facer realidade este proxecto. Tamén se referiu á boa disposición da Consellería de Educación, que será quen xestione as instalacións, e ao extraordinario traballo do equipo de arquitectos que soubo realizar un deseño funcional con elementos anovadores que confiren ao edificio unha personalidade propia.

Lois Castrillo comentou que para el sempre fora un obxectivo prioritario dotar a Vigo duns conservatorios elemental e superior que acollesen a inxente cantidade de rapaces e rapazas que na cidade desexan contar cunha formación musical de calidade. O Concello aportou os terreos necesarios, unha parcela de 5.000 metros cadrados, elaborou o proxecto constructivo e investiu 2.254.000 euros, que supoñen máis do 75% do gasto realizado.

Castrillo sinalou que a ubicación do conservatorio na Florida respondeu, non só ao feito de que a parcela escollida reunira as mellores condicións para albergar o centro, senon tamén ao desexo de achegar un novo equipamento educativo e cultural a unha zona de Vigo que está en pleno crecemento e que alberga unha importante poboación xuvenil.
1051014718CC2.jpg
1051014827CC3.jpg
1051014872CC1.jpg
1051014914CC4.jpg
Descargar todas as imaxes