Escoitar

O goberno local arranca na Praza Independencia a construción ou ampliación de oito parques infantís

A ampliación do parque da Praza Independencia, que arranca comeza hoxe luns, é o primeira das oito áreas de xogo que vai construír ou mellorar o Concello nos próximos meses. Nas próximas semanas empezarán tamén os traballos en Navia, Barreiro e Pedro Alvarado.

luns, 17 set 2018
Hoxe luns comezan as obras do parque da Praza Independencia, a primeira dunha "onda extraordinaria" de construción ou ampliación de oito zonas de xogos infantís diseminadas por toda a cidade. A terceira ampliación deste parque -xa se acometeron dúas- ten un orzamento de 200.000 euros e un prazo de execución de dous meses e medio. Tal e como detallou o rexedor, a semana que vén comezarán os traballos do macro parque de Navia -que incluirá a pista de skate e zona deportiva-, cun orzamento de 1,2 millóns. Nas próximas semanas tamén comezará a ampliación do de Barreiro (200.000 euros) e Pedro Alvarado (500.000 euros). En fase de contratación atópase a área de xogo de Bouzas, unha vez obtido o permiso, mentres que os parques da rúa Coruña, de Jenaro de la Fuente e de Maruja Mallo están en fase de aprobación do proxecto.

Outro dos traballos a piques de comezar é a renovación do pista de patinaxe e skate de Samil, cun investimento 48.000 euros; a construción dunha isleta en Caeiro-Cabral, cun valor superior de 27.000 euros; a mellora do palco de Saiáns, cun orzamento de 30.000 euros e, por último, a reforma das duchas das praias, unha vez rematado o período estival. Cun orzamento superior aos 48.000 euros, atenderase aos arenais de Samil, Funchiños, Punta, Canido, Argazada, Tombo do Gato, O Vao ou Espedrigada, entre outras.