Escoitar

O alcalde traslada o seu cariño aos feridos polo derrubamento estrutural do molle durante o Marisquiño

Abel Caballero visitou este luns aos ingresados e familiares para comunicarlles o "cariño" da cidade. O rexedor recalcou que "as persoas son a nosa maior preocupación", confirmou que non se teme pola vida de ningunha e que se dispuxo dun teléfono de atención: 986 810101. O derrubamento foi "moi importante", subliñou, pois cedeu a "estrutura de formigón" baixo o paseo.

luns, 13 ago 2018
1534171664AlcaldePuerto.JPG
O alcalde trasladou unha "aperta moi forte" aos familiares e afectados, que presenciaban un concerto do Marisquiño cando se viron atrapados por un "fallo estrutural dun molle" do Porto de Vigo. Segundo detallou, foron 249 os feridos dos que quedan ingresados cinco no Álvaro Cunqueiro e outros catro en POVISA, sen que se tema pola vida de ningún dos nove.

Abel Caballero quixo "resinar" a importancia do derrubamento, un "fallo estrutural enteiro dun gran molle de formigón" sobre o que se asentaba o paseo de madeira. A estrutura tiña entre 30 e 50 centímetros de grosor, dividida en placas de formigón que caeron e apoiaron contra o fondo da dársena náutico deportiva. O secretario de Estado de Fomento, Pedro Saura, ordenou investigar a causa do colapso da estrutura, segundo revelou o alcalde logo de ter conversado co responsable estatal.

Despois do derrubamento, explicou Caballero, a atención centrouse de inmediato na atención aos feridos. As pranchas de formigón quedaron en forma de uve, empregadas polas vítimas para ascender mediante unha cadea humana conformada polos propios voluntarios, persoal da organización e os efectivos de seguridade. Dúas persoas quedaron atrapadas e foron liberadas polos Bombeiros.

Posteriormente, engadiu o alcalde, entrou en funcionamento o sistema de evacuación, coa Policía Local despexando as rúas e as ambulancias, trasladando primeiro aos feridos máis graves aos centros sanitarios, logo de ser atendidos in situ e seguindo instrucións dos propios hospitais. Por último, Abel Caballero ordenou a revisión da zona con buzos dos Bombeiros, para asegurar que non quedara ninguén atrapado, incluída unha segunda inspección ampliando a zona de actuación á metade da dársena náutico deportiva.

Con respecto á empresa organizadora, esta pediu autorización ao Porto de Vigo e, coa autorización portuaria, presenta ao Concello o plan de autoprotección que "cumpre cos requisitos que marca a lei", tamén informado polo Porto de Vigo. Explicou Caballero que o aforo era de 4.500 persoas, cifra á que non se chegou no momento do afundimento, segundo asegura a empresa.

"As persoas son a nosa maior preocupación", expuxo o primeiro edil, a "seguridade das persoas" ocupou a acción municipal durante toda a noite e na mañá deste luns. O goberno de Vigo abriu un teléfono de atención, co número 986810101. "Quero seguir atendendo ás persoas, que é a miña maior dedicación", concluíu.
Descargar todas as imaxes