Escoitar

Caballero reclama á supresión do imposto autonómico sobre o combustible

Abel Caballero pediu este luns á Xunta de Galicia que suprima o coñecido como "céntimo sanitario", a taxa que aplica na venda de gasolina e gasoil na comunidade autónoma. O alcalde avanzou que levará ao seguinte pleno unha moción para reclamar a supresión do imposto.

luns, 6 ago 2018
O alcalde de Vigo reclamou este luns que a Xunta de Galicia suprima o imposto sobre o combustible para mellorar a competitividade do sector económico da cidade. "Xa temos a presión máis baixa de Galicia, de todas as cidades, incluído A Coruña, Santiago e Ferrol, onde o PP gobernaba, e Ourense, onde goberna agora", sinalou Abel Caballero en referencia as palabras do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, solicitando ao Concello que rebaixe as taxas municipais.

O rexedor sinalou que Vigo ten os impostos máis baixos de Galicia e destacou que "en cambio a Xunta non, non son os impostos máis baixos das comunidades de España". Caballero explicou que "no momento actual, se hai que potenciar a competitivade de Vigo, o que ten que facer é retirar a taxa de 5 céntimos sanitarios" dos combustibles de gasolinas e gasoil de Galicia.

Actualmente, en comunidades coma Castela e León non se cobra este imposto autonómico aos carburantes, polo que o grupo municipal do PSOE presentará unha moción no pleno do Concello reclamando a supresión da taxa.

Segundo explicou o alcalde, esta medida suporía un alivio de 16 millóns de euros na presión fiscal ás empresas, mentres que en Galicia a cifra aumentaría ata os 80 millóns. "Non pedimos nada que non faga outra comunidade", sinalou.