Escoitar

Caballero asegura que no prazo de cinco anos "o auditorio Mar de Vigo será un dos de maior desenvolvemento cultural de España"

Os Planetas, A Fura dels Baus e Les Luthiers, entre as estrelas da programación de outono-inverno.

venres, 20 xul 2018
1532091299ProgramaMardeVigo_01.JPG
Abel Caballero márcase como obxectivo que o auditorio Mar de Vigo teña,
nun prazo de cinco anos ,una das mellores programacións culturais de
toda España. Así o asegurou esta mañá na presentación da programación
deste centro para o próximo outono-inverno, na que participaron tamén
Iñaki Teixeira, director do auditorio; Carlota Ojea, xefa de
programación, e Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura.

"O Mar de Vigo é o auditorio máis importante de Galicia e esta próxima
tempada ofreceranos unha programación para todos os públicos e para
todas as idades do máis alto nivel", asegurou Caballero. O rexedor
manifestou estar "moi orgulloso" deste centro cultural "que naceu nun
dos peores momentos da crise económica e conseguiu alzarse como un
referente cultural en toda Galicia". Por iso, afirmou, "desde este
goberno seguiremos facendo unha aposta decidida polo Mar de Vigo".

Para os últimos meses do ano, o auditorio contará con grandes artistas
como a banda indie Los Planetas, a prestixiosa compañía teatral A Fura
dels Baus, os históricos humoristas Les Luthiers e o espectacular
musical The Hole Zero. "En moitos deles o 80% das entradas xa están
vendidas, polo que esperamos seguir co éxito que hai poucas semanas
tivemos con Yann Tiersen, Luz Casal ou James Rhodes, que encheron o
aforamento e levaron o nome de Vigo por todo o mundo", destacou Ojea.

Na parte musical, este semestre Vigo gozará das actuacións de grandes
nomes do pop español como Los Planetas (24 de novembro), Rozalén (6 de
outubro), Coque Malla (26 de outubro) e o ciclo " M Vigo", polo que
pasarán artsitas moi coñecidas de diversos xéneros.

O musical The Hole Zero ofrecerá sete funciones no Mar de Vigo, do 27 ao
30 de setembro, e represéntase por primeira vez en Galicia. Pola súa
banda, a Fura dels Baus estará en Vigo do 30 de novembro ao 2 de
decembro co seu espectáculo " Carmina Burana", despois de pasar por tres
continentes e ser presenciado por 150.000 espectadores.

O humor dos arxentinos Les Luthiers regresa á cidade do 16 ao 18 de
novembro co espectáculo "Viejos Hazmerreíres", única parada en toda
Galicia, para a que teñen gran parte do seu aforamento vendido. Dentro
da liña dedicada ao humor, os monólogos seguen sendo unha aposta do Mar
de Vigo e o 3 de novembro poderá verse o espectáculo "Monólogos
interruptus", con Dani Rovira, JJ Vaqueiro e Iñaki Urrutia.

Outro espectáculo familiar inédito será o da sorprendente Orquestra de
Instrumentos reciclados de Cateura, formada por rapaces de entre 11 e 25
anos procedentes dun barrio marxinal de Asunción (Paraguai), que
fabrican os seus instrumentos con material reciclado dun vertedoiro.
Ademais do Teatro Real de Madrid, Vigo será a única cidade de España na
que recalen grazas a un convenio asinado polo Concello e Ecoembes.

Finalmente, a música clásica estará tamén presente cos oito concertos da
Orquestra Sinfónica de Galicia, que comezarán o 11 de outubro e
prolongaranse ata xuño.
Descargar todas as imaxes