Escoitar

O goberno local abre a inscrición para participar este verán no voluntariado ambiental nas Illas Cíes

O goberno vigués promove o voluntariado ambiental no arquipélago desde xullo ata o 9 de setembro, indicou Caballero este xoves. As tarefas a acometer serán a erradicación de especies invasoras, limpeza de espazos públicos e colaboración con proxectos de conservación e investigación. As inscricións, ata o 14 de xuño.

xoves, 7 xuñ 2018
O Concello de Vigo ten aberta a preinscrición para os interesados en participar no voluntariado ambiental nas Illas Cíes durante este verán, desde o mes de xullo ata o 9 de setembro.

Anunciouno o alcalde este xoves en rolda de prensa, e apuntou que o prazo está aberto ata o 14 de xuño, cos formularios e información dispoñibles tanto na web do programa municipal Camiño a Camiño como no propio Concello de Vigo. Haberá quendas de cinco días e tamén de fin de semana.

Aqueles que tomen parte nesta acción municipal, explicou Caballero, levarán adiante no arquipélago vigués tarefas como a erradicación de especies invasoras, a limpeza dos espazos públicos e a colaboración con proxectos de conservación e investigación.