Escoitar

O Concello achega 606.000 euros a FOANPAS para subvencionar comedores e actividades extraescolares

Caballero deu conta esta mañá da achega de 606.000 á Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS) para subvencionar comedores e actividades extraescolares. Tamén inclúe o servizo de Aula matinal para axudar á conciliación familiar.

xoves, 22 mar 2018
A Xunta de Goberno deu luz verde ao convenio de colaboración entre o concello e a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca (FOANPAS). Este acordo complementa as bolsas de comedor que se subvencionan cos 2 millóns que achega Benestar social, ademais de financiar actividades extraescolares e o servizo de Aula matinal para axuda á conciliación laboral e familiar.

Outro dos asuntos aprobados esta mañá foi a prórroga do contrato para a xestión do Programa Municipal de educación básica de persoas adultas. Cun orzamento de 36.000 euros, trátase dun programa de alfabetización moi importante, en verbas do propio alcalde, destinado a persoas maiores que non tiveron a oportunidade de estudar. Hai uns 150 estudantes, do que a maioría son mulleres.

Bono taxi
O goberno local tamén validou as bases reguladoras das subvencións destinadas promover, mediante a utilización do bono taxi, dun modo alternativo de transporte adaptado a persoas afectadas por graves discapacidades de mobilidade. O importe da achega é de 25.000 euros e cada beneficiario recibe entre 100 e 300 euros, en función da súa renda. O obxectivo é posibilitar un medio de transporte para aquelas persoas que, por razón de grave dificultade de acceso, non poden usar o transporte colectivo.

Asimesmo, a Xunta de Goberno aprobou a transferencia de 125.000 euros á Fundación Vigo en Deporte (VIDE) para o Programa de promoción de deporte.