Escoitar

O alcalde destaca a "función social" dos Coidadores de Barrio no seu regreso ás rúas

Os Coidadores de Barrio do Concello e Vigo volveron este luns as rúas da cidade despois de que Xunta de Goberno Local validase o pasado día 1 o convenio de colaboración coa Fundación Érguete. "Realizan unha gran función social, xogan un papel moi importante de apoio ás persoas que viven soas", sinalou o alcalde.

luns, 12 mar 2018
1520862412Coidadores_03.jpg
Os Coidadores de Barrio do Concello de Vigo volveron este luns a actividade despois de que a Xunta de Goberno Local, reunida o pasado 1 de marzo, acordara validar o convenio de colaboración coa Fundación Érguete-Integración, no marco do Plan Municipal de Emprego.

En virtude deste convenio, os Coidadores de Barrio regresan ás zonas do Calvario, Teis, Casco Vello, Travesas e Bouzas-Coia. O acordo con Érguete terá unha vixencia de dous anos, ata o 31 de outubro de 2019, e permitirá a contratación de 47 profesionais para levalo adiante. O investimento total do Concello é de 1,08 millóns de euros, a razón de 540.000 euros anuais.

"Realizan unha gran función social, atendendo á xente de Vigo, cidadáns, mozos, maiores...", sinalou o alcalde, Abel Caballero, antes de explicar que a persoa tipo que atenden "é unha señora de certa idade que habitualmente vive soa".

Os Coidadores de Barrios iniciaron este luns o seu curso de aprendizaxe e a partir do vindeiro venres estarán de novo nas rúas. "Xogan un papel moi importante de atención social e de evitar a soidade, porque necesitan apoio", afirmou o rexedor.

Caballero apuntou tamén que "o programa espertou moito interese en varios sitios de España, algúns municipios moi importantes en poboación que lles gustaría poñer en marcha este mesmo proxecto".
Descargar todas as imaxes