Escoitar

O Concello organiza conferencias, paseos literarios e rutas pola ría no "Encontro Internacional De Verne a Vigo"

Vigo celebra os 150 anos da entrada do Nautilus na ría e os 140 anos da primeira visita de Verne a cidade. Para conmemoralo, o goberno vigués programa actividades culturais e divulgativas entre o 15 e o 17 de febreiro. "Queremos que este ano se convirta nun ano memorable, enxalzando o nexo entre Verne e Vigo", explicou Abel Caballero.

xoves, 8 feb 2018
1518096532Verne.jpg
O alcalde, Abel Caballero, presentou este xoves o programa xunto ao director do Encontro Internacional De Verne a Vigo, Eduardo Rolland. Na súa intervención, Caballero recordou que este ano a cidade celebra dúas efemérides vernianas: os 150 anos da entrada do submariño Nautilus na ría, na novela "20.000 leguas de viaxe submarina", e os 140 anos da primeira visita de Jules Verne á cidade.

Así, o Concello encargou a Rolland a organización deste Encontro Internacional, por ser o "momento de retomar a nosa cultura verniana", narrou Caballero, coa participación de grandes expertos en Verne e actividades na rúa para "vivir a cultura". "Desde o Concello queríamos que este ano se convertira nun ano memorable, na dirección de enxalzar o nexo entre Verne e Vigo", afirmou o alcalde, quen valorou o impacto turístico e cultural da cita: "quero enxalzar o valor cultural, que é o que máis importa, pero hai ademais un valor turístico, de poñer a Vigo no mapa unha vez máis", concluíu.

A cita verniana abrirase o xoves 15 de febreiro coa conferencia inaugural a cargo do maior experto mundial en Jules Verne, o italiano Piero Gondolo della Riva, no Auditorio Municipal do Concello ás 20.00 horas.

O venres 16 comezará cunha ruta verniana desde a fortaleza de O Castro (á que Verne ascendía cada mañá nas súas dúas visitas á cidade). Desde alí, os participantes seguirán o rastro do Nautilus e coñecerán a Batalla de Rande, tal e como o capitán Nemo contouna ao profesor Aronnax na novela.

A programación continuará o mesmo vernes cun amplo programa de conferencias no Auditorio da Praza do Rei, coa participación da directora do Museo Jules Verne de Nantes, Agnès Marcetteau, a premiada escritora Ledicia Costas, a educadora francesa Daisy Houlès e diversos expertos como os membros da Sociedade Hispánica Jules Verne Nicolás Moragues, Jesús Navarro, Pasqual Bernat e o propio Eduardo Rolland.

A xornada do sábado comezará cunha ofrenda floral ante o monumento a Jules Verne nos xardíns de As Avenidas. Seguidamente, ás 12.00 horas, os participantes embarcarán no 'Nautilus', un barco oceanográfico dotado cun robot submarino, chamado 'Nemo', no que farán o percorrido do submarino de '20.000 leguas' e contemplarán nas pantallas o mesmo paisaxe baixa o mar que asombrou aos mergulladores do Nautilus aquel 18 de febreiro de 1868.

Pola tarde do sábado, e durante a mañá e a tarde do domingo, haberá novas saídas do buque 'Nautilus' desde o peirao do Náutico, para facer o mesmo percorrido que o submarino do capitán Nemo. Estas rutas están abertas ao público en xeral, previa reserva e compra de tickets en www.oceansecrets.es

Os participantes no Encontro Internacional De Verne a Vigo 2018 son algúns dos máis destacados estudiosos da figura de Jules Verne no mundo, con especial mención ao italiano Piero Gondolo della Riva, que ditará a conferencia inaugural, aberta como o resto de charlas ao público en xeral no Auditorio Municipal da Praza do Rei, ata completar o aforamento.
Descargar todas as imaxes

Máis información