Escoitar

O alcalde agarda que a Xunta cumpra o seu compromiso de construír o azud con urxencia

Foi un dos acordos acadados na reunión de onte coa Conselleira Beatriz Mato, que tamén se comprometeu a decretar o caudal ecolóxico este venres para aforrar auga. O rexedor vigués manterá unha xuntanza mañá mércores cos municipios que se abastecen da presa de Eiras para analizar a situación.

martes, 21 nov 2017
Abel Caballero lamentou este martes que a situación na cidade segue empeorando e que "estamos nunha situación límite" mentres a "Xunta non coopera", coa previsión de que mañá ou pasado a presa de Eiras rexistre o caudal máis baixo da súa historia. Por iso, convocou aos alcaldes dos municipios que se abastecen deste encoro a reunirse mañá mércores ás 17:00 horas, logo de adoptar as medidas de aforro pertinentes.

O rexedor explicou os temas abordados no encontro mantido nas últimas horas coa Xunta de Galicia que se comprometeu a decretar o venres o caudal ecolóxico "que nestes momentos é maior que o de un mes atrás" e que permitirá aforrar case a metade do consumo diario da presa e, o segundo compromiso, foi o inicio da actuación de emerxencia co azud que conecte o río Verdugo coa presa de Eiras. Amais, a Xunta reunirá aos alcaldes dos concellos afectados este venres para analizar a situación.

Caballero criticou o atraso da Xunta en tomar medidas ao respecto do azud "que teñen que iniciar hoxe mesmo, de forma inmediata, porque é a súa responsabilidade e a cidade xa está aforrando auga ao máximo" e rexeitou a proposta do goberno autonómico de reducir o consumo industrial de auga porque "a industria está ao tope de aforro", solicitando a comunicación por escrito desta medida.

Nestes momentos, a presa de Eiras abastece de auga a 455.000 cidadáns en Vigo, Redondela, Cangas, Moaña, Soutomaior, Porriño, Gondomar, Mos, Nigrán, Salceda, Pazos de Borbén e é posible que se incorpore Baiona.