Escoitar

O rexedor avoga por "perseverar" na recuperación do aeroporto, que creceu un 19% en outubro

Caballero valorou os datos rexistrados no pasado mes, no que a terminal viguesa foi a de maior crecemento dos aeroportos galegos, cun 19% máis de viaxeiros sobre o mesmo mes de 2016. O rexedor defende o "potencial" de Peinador e o seu rol "central" para a economía da cidade.

martes, 14 nov 2017
O alcalde, Abel Caballero, valorou o crecemento "impresionante" rexistrado polo aeroporto de Vigo no mes de outubro, cun aumento de pasaxeiros do 19% con respecto ao mesmo mes de 2016, sumando 97.488 pasaxeiros. No acumulado total, Peinador suma 913.000 viaxeiros a falta de dous meses para pechar o ano, co que a terminal viguesa superará en 2017 a cifra "significativa" do millón de persoas, segundo adiantou Caballero.

O alcalde indicou que as cifras validan o "potencial" e a "enorme capacidade" do aeroporto vigués, demostran que a xente acode a Peinador se se ofertan rutas e voos, como acontece actualmente. Así, censurou o intento do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "pechar" a terminal viguesa a base de restarlle destinos a través da "competencia desleal": "aquilo danounos severamente".

"Agora estamos no proceso de recuperación e hai que perseverar e manterse nesta liña", engadiu o alcalde, pois para a cidade de Vigo o seu aeroporto é "central", para a industria, o Porto e a economía.