Escoitar

O Concello formará a 165 menores de 30 anos en tecnoloxías, informática, cociña ou linguas

O programa "Vigo polo emprego da mocidade" permitirá ao Concello impartir formación a 165 mozos e mozas menores de 30 anos para facilitar a súa inserción laboral. Esta iniciativa, dotada con 670.000 euros, está financiada nun 80% con fondos Feder.

xoves, 9 nov 2017
A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación dos servizos de formación do programa "Vigo polo emprego da mocidade", cun importe de 670.000 euros. Trátase, segundo explicou o rexedor, unha iniciativa que permitirá formar a 165 alumnos en creación e xestión de microempresas, confección e publicación de páxinas web, operacións básicas en cociña, operacións básicas de restaurante e bares, comunicación en linguas estranxeiras, sensibilización en igualdade de oportunidades e alfabetización informática. Os requisitos para formar parte do programa son ser menor de trinta anos e estar inscrito no Plan Nacional de Garantía Xuvenil (Oficina de emprego). Este plan formativo está cofinanciado nun 80% por fondos Feder.

Continuando co apoio á mocidade, o goberno local aprobou o outorgamento das subvencións para o fomento do emprendemento e a consolidación empresarial a través do traballo colaborativo. Deste xeito, o Concello adica 35.000 euros a financiar o alugue¡ro a microempresas ou autónomos que teñan a súa sede de traballo en espazos coworking. Nesta ocasión son 38 os beneficiarios.

Vivenda
O alcalde tamén deu conta da cesión temporal dunha vivenda municipal identificada no rexistro de entidades prestadoras de Servizos Sociais para unha unidade familiar vítima de violencia de xénero. Unha muller e o seu fillo vivirán seis meses, prorrogables, nunha das tres vivendas municipais que o Concello adica para mulleres vítimas de violencia machista.

O goberno local tamén aprobou un convenio de 8.000 euros coa Asociación Galega San Francisco para cooperar na organización dunhas xornadas de convivencia entre persoas con discapacidade intelectual e as súas familias.