Escoitar

Caballero defende no Día Mundial da Saúde Mental o dereito ao traballo das persoas con capacidades diferentes

O alcalde participou este martes na Praza do Rei nos actos organizados polo Día Mundial da Saúde Mental, da man da Asociación DOA. Na súa intervención, defendeu o dereito das persoas con distintas capacidades á incorporación sociolaboral e chamou a converter a Vigo nun modelo de atención da saúde mental.

martes, 10 out 2017
1507638806doa.JPG
O acto congregou na Praza do Rei a varias decenas de homes e mulleres e, xunto ás intervencións do presidente de DOA e do alcalde de Vigo, se deu lectura ao seguinte manifesto:

"Hoxe, 10 de outubro de 2017, a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental cumpre 25 anos, contando co apoio da Organización Mundial da Saúde e a participación de numerosas persoas e entidades de Galicia e de todo o mundo. "A saúde mental no lugar de traballo" foi o tema elixido para esta conmemoración, considerando que se trata dun asunto de interese para os axentes sociais, as institucións e toda a sociedade.

Queremos promover o dereito de calquera persoa a acceder e manter un emprego, así como tomar conciencia sobre a necesidade de que os lugares de traballo sexan contornas saudables onde se coide a saúde mental; pois ter un emprego digno, saudable e motivador é beneficioso para todas as persoas e permítenos vivir dignamente e de forma autónoma.

Estímase que o 25% das persoas terá un problema de saúde mental ao longo dá súa vida. Ademais, en Europa, os trastornos mentais son o segundo problema de saúde máis común no traballo. Os niveis de absentismo laboral, desemprego e solicitudes de incapacidade por problemas de saúde mental non deixaron de aumentar nos últimos anos: o 10% dos problemas crónicos de saúde e de incapacidade son trastornos mentais e emocionais. Por facernos unha idea da prevalencia desta realidade, a OMS estima que no 2020, a depresión será a segunda causa máis importante de incapacidade no mundo.

En termos económicos, o custo dos problemas de saúde mental asociados ao lugar e condicións de traballo é moi elevado, e as contrariedades laborais teñen un impacto notable na saúde mental das persoas. En España, considérase que entre o 11% e o 27% dos problemas de saúde mental pódense atribuír ás condicións de traballo, e o custo directo destes trastornos en concreto oscilou entre 150 e 372 millóns de euros no ano 2010.

Ademais, as persoas que teñen algún problema de saúde mental atópanse con grandes obstáculos á hora de integrarse no mundo laboral, debido, en gran parte, aos falsos mitos e ao descoñecemento que hai cara a estas patoloxías. Existen vías para que calquera persoa, independentemente das súas circunstancias vitais, como pode ser un problema de saúde mental, exercite o seu dereito para acceder e manter un emprego; sendo fundamental ademais que as persoas con problemas de saúde mental formen parte activa da sociedade, sexan consideradas cidadás con dereitos e obrigacións e desenvolvan un sentimento de utilidade.

Por tanto, aproveitamos a conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental para e instar a quen ostenta responsabilidades públicas, aos axentes sociais, ás organizacións non lucrativas, aos medios de comunicación, ás sociedades científicas, ás empresas, aos estudantes e profesionais da saúde, da atención social, da educación, do emprego e o dereito, e a toda a cidadanía en xeral a que:
- nos involucremos e formemos parte activa da creación e mantemento de contornas de traballo saudables onde abunde a cultura do benestar e a saúde;
- sexamos comprensivos, empaticemos e facilitemos que as persoas, independentemente das súas circunstancias vitais, teñan a posibilidade de levar a cabo o seu proxecto vital de forma autónoma, vivan con dignidade e participen na sociedade;
- venzamos os prexuízos, derrubemos as barreiras e contribuamos á aceptación da diversidade e á igualdade de oportunidades entre as persoas;
- apoiemos que se invistan suficientes recursos para desenvolver políticas ambiciosas e efectivas dirixidas á integración laboral das persoas con problemas de saúde mental;
- velemos por que se garanta que calquera das medidas dirixidas á integración laboral das persoas con discapacidade por mor de problemas de saúde mental sexa respectuosa co modelo social e o enfoque dos dereitos humanos que impón a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Desde aquí, queremos convidar á cidadanía a que participe nas actividades coas que conmemoraremos o Día Mundial da Saúde Mental nas diversas localidades galegas, co ánimo de tomar conciencia acerca da necesidade de coidar a saúde mental nos espazos laborais, apoiar o dereito das persoas con problemas de saúde mental a acceder e manter un emprego, previr os trastornos mentais e comprender, con naturalidade e empatía, ás persoas con problemas desta índole".
Descargar todas as imaxes