Escoitar

O alcalde invita a recordar a Miguel Ángel Blanco como símbolo de todas as vítimas do terrorismo

Este mércores, 12 de xullo, Vigo homenaxeará ao concelleiro de Ermua asasinado por ETA hai vinte anos cunha concentración ás 12 horas ante o MARCO. O alcalde e presidente da FEMP invitou ás entidades locais a sumarse: "queremos que a súa figura simbolice a todas as vítimas do terrorismo".

martes, 11 xul 2017
A pasada semana, o alcalde de Vigo e presidente da FEMP convidou a todas as entidades locais de España a recordar a Miguel Ángel Blanco este mércores, 12 de xullo, polo vixésimo aniversario do seu asasinato a mans de ETA.

En Vigo, Caballero convocou a concentración ante o MARCO, ás 12 horas, para honrar a memoria do concelleiro do PP de Ermua e para reivindicar a unidade contra o terrorismo. "Queremos que na súa figura se simbolice a todas as vítimas do terrorismo", engadiu o rexedor vigués, e que tamén sirva de apoio aos familiares de todos os falecidos a mans de actos terroristas.

As concentracións de Vigo e no resto de España suporán igualmente unha homenaxe á sociedade española que, hai vinte anos, tomou ás rúas "de forma extraordinariamente contundente", recordou Abel Caballero, para amosar a súa "repulsa e rexeitamento absoluto" á banda terrorista, que tivo no asasinato de Miguel Ángel Blanco "o principio da fin" de ETA.